Xornada de sensibilización para integrar en procesos de inserción laboral as novas tecnoloxías

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

“Emprego en rede” é unha xornada organizada pola Deputación, a través do Pacto pola Calidade e a Produtividade Social no Emprego do proxecto aQuelando3, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, coa finalidade de integrar as novas tecnoloxías na busca de emprego para conseguir a inserción laboral.

O obxectivo é fomentar, motivar e mostrarlles ás persoas desempregadas da provincia de Pontevedra as principais formas de entrar en contacto coas diferentes fontes de busca de emprego a través das novas tecnoloxías, para responder mellor ás demandas laborais e da economía dixital que se ofertan na actualidade.

Nesta xornada, dirixida ó público en xeral (en particular ós desempregados que buscan unha oportunidade laboral), preténdese sensibilizar as persoas participantes para potenciar o uso das ferramentas informáticas.

Despois de darlles a benvida ós participantes, o orientador laboral Xosé Alberte Cea falará da identidade dixital profesional e dos recursos TIC para a busca de emprego. A xornada quere incidir na importancia, cada vez maior, que ten o bo uso das redes sociais para ser eficaces e eficientes nos procesos de busca de emprego.

O evento terá lugar ás 9:30 horas no salón de actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. A inscrición é gratuíta ata completar o aforo.

aQuelando 3

O proxecto aQuelando3 xorde coa idea de posibilitarlles a entrada no mercado laboral ós desempregados da provincia de Pontevedra a través de itinerarios personalizados de inserción, co fin de cubrir as carencias detectadas anteriormente, xa que de todos é sabida a importancia da conciliación para desempeñar un posto de traballo en calquera sector social.

720 alumnos obtiveron o certificado de profesionalidade con este programa, mediante o cal se impartiron 48 cursos de formación (37 xa finalizados e 11 aínda en proceso) e que lles brindou a 105 alumnos a oportunidade de completar a súa formación práctica en diversas empresas da provincia.

Así mesmo, a través do Servizo de Intermediación Laboral en Atención a Persoas (SILAP) orientáronse 289 persoas, das que case a metade conseguiron a súa inserción laboral.

19 de maio de 2015 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.