Xogos, actividades, sorteos e portas abertas na celebración de fin de tempada do Celta
O Celta despide unha exitosa tempada este sábado en Balaídos coa disputa do último encontro de Liga ante o Espanyol, unha xornada que estará aderezada con xogos, actividades, sorteos e visitas no estadio para o goce da afección celeste.
Desde as 10:00 e ata as 14:00h os afeccionados poderán visitar o Museo do RC Celta e o vestiario do primeiro equipo, xa preparado para a chegada dos xogadores, unha visita nunca antes realizada ata agora e que fará as delicias dos celtistas. Ademais, os seguidores que realicen a visita vestindo unha camiseta de primeiro equipamento do Celta de calquera ano, participarán no sorteo de 5 elásticas que foron utilizadas polo equipo na vitoria ante o Deportivo da Coruña en Riazor, un premio aos seguidores que axuden a encher de cor celeste as bancadas de Balaídos.
Para completar esta festa do celtismo, a Rúa Olímpicos acollerá unha zona de xogos e actividades enfocadas aos máis pequenos (inchables, tobogán, futbolín, talleres de maquillaxe…) que estarán supervisadas en todo momento por 13 monitores profesionais. O colofón desta celebración será o partido ante o Espanyol, un choque no que hai en xogo tres puntos que permitirían aos celestes superar o seu rexistro da pasada campaña.











