Xa está operativa a pantalla xigante informativa de Caión

Pantalla instalada
A praza Eduardo Vila Fano de Caión xa conta coa súa propia pantalla xigante, que foi instalada polo Concello da Laracha neste céntrico lugar para ofrecer a veciños e visitantes todo tipo de información sobre actividades, programas, posibilidades turísticas e eventos de interese xeral.
A través desta nova infraestrutura, colocada no acceso principal desde a praza ao paseo marítimo en dirección á praia, darase todo tipo de información concisa, clara e directa sobre as iniciativas municipais organizadas desde o propio Concello e tamén as promovidas polas diferentes entidades culturais, deportivas e educativas, así como das impulsadas polas Comisións de Festas de cada parroquia.
A instalación da pantalla xigante informativa en Caión é unha das actuacións de investimento que o Concello da Laracha financia con cargo ao remanente líquido de tesourería que deixou o peche do pasado exercicio económico.
Trala posta en funcionamento deste punto de información, as tres vilas do municipio (A Laracha, Paiosaco e Caión) xa contan cunha infraestrutura destas características.











