Vinis Terrae ofrece unha masterclass sobre o servizo do viño para profesionais da hostalaría
Ademais de coñecer as últimas colleitas das adegas galegas, os profesionais do sector do viño, a distribución e da hostalaría que visiten VINIS TERRAE, VI Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade, terán a oportunidade de participar nalgunha das actividades previstas e que inclúen desde seminarios sobre a internacionalización e a comercialización de viños en Estados Unidos, catas comentadas dos viños das cinco D.O. de Galicia ou presentacións de coctelería con produtos do Consello Regulador de Augardentes e Licores Tradicións de Galicia. VINIS TERRAE celebrarase en Expourense os días 25 e 26 de maio de 2015 e é unha cita dirixida exclusivamente a profesionais.
Enfocado aos profesionais da hostalaría está a Master Class sobre “O correcto servizo do Viño, desmontando mitos”, que impartirán os campións de Catadores de Galicia nas edicións de 2015 (Pablo Rodríguez) e de 2014 (Alejandro Paadín). Será unha actividade organizada por GALLAECIA e que responde a unha demanda do sector e que está dirixida aos profesionais da restauración de toda Galicia.
Este salón acollerá ademais o “Seminario sobre a Internacionalización e tendencias do viño en Estados Unidos”, coordinado pola empresa “Taste Galicia” e no que participarán tres expertos na comercialización de viño procedentes deste país. Nesta actividade, que terá lugar o luns 25 pola tarde, abordaranse temas como as “Tendencias do consumo de viño en Estados Unidos”, “Como chega unha copa de viño á mesa dun restaurante en DC” ou a “Mercadotecnia como primeiro paso para a exportación”. Esta xornada contribuirá a dar as claves para abrirse paso no mercado norteamericano, que é o primeiro importador mundial para as cinco denominacións de orixe de Galicia.
Tamén dirixida a adegueiros, impartirase a conferencia sobre “Responsabilidade Social Empresarial no Sector Adegueiro de Galicia. Indicadores e ferramentas para a súa medición e seguimento. Presentación da Guía de RSE para o Sector Adegueiro” editada pola Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Xunta de Galicia.
Outra das actividades orientadas ás adegas será a presentación do proxecto, “Enourense” promovido polo INORDE E que ten o obxectivo de mellorar a competitividade e innovación das pemes do sector vitivinícola da provincia de Ourense a través da dinamización do tecido produtivo.
Para que os visitantes profesionais de VINIS TERRAE poidan ampliar os seus coñecementos sobre as características específicas dos viños galegos, impartirase unha cata comentada das cinco denominacións da nosa comunidade. Correrá a cargo da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) que aproveitará a súa presenza na feira para presentar a súa nova páxina web.
Este programa incluirá tamén actividades organizadas polas distintas denominacións como é o caso da de Monterrei que se presentará como “a denominación dos viños do Douro galego”. Haberá ademais presentacións de produtos comerciais innovadores como é o caso de IBeeAgro, que ofrece solucións para a agricultura de precisión en viñedos.
Esta edición de VINIS TERRAE volverá contar cun Túnel do Viño, un escaparate que ofrecerá a visitantes e a expositores un espazo no que se exporán mostras dos diversos produtos de cada adega expositora presente no salón. O obxectivo é que os profesionais poidan coñecer os distintos viños presentes é, desta forma, os compradores terán a posibilidade de coñecer un maior número de referencias, ademais das que xa coñecerán a través da súa axenda de citas.
A participación neste programa de actividades, do mesmo xeito que o acceso a feira, é gratuíta pero necesita de acreditación profesional previa a través da web do evento, www.vinisterrae.es











