publicidade hoxe

Vimianzo estrea o Museo – Guía Virtual das Paisaxes Costeiras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVimianzo
A-
A+
Vimianzo virtual

Vimianzo virtual

O concello de Vimianzo conta desde hoxe cun novo servizo de divulgación cultural e turística, o ‘Museo – Guía Virtual das Paisaxes Costeiras de Vimianzo’, que se estrea para promover a valorización e sensibilización social do seu patrimonio marítimo.

A web está accesible en http://www.vimianzo.gal/museo_virtual/gl/index_gl.html e presentouse hoxe na Casa da Cultura de Vimianzo, nun acto ó que asistiron o alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo Pazos; o xerente do Grupo de Acción Costeira da Costa da Morte, Guillermo González Diez; e o director da empresa Trivium ECT, que realizou o proxecto, César Abella Vázquez.

A guía virtual supón a visualización do territorio e dos seus recursos como nunca antes fora posible: a través de fotografías interactivas 360º de alta definición (HD), a aplicación ofrece información histórica sobre cada un dos 16 puntos de interese seleccionados para o proxecto que teñen lazos coa identidade marítima do municipio. Deste xeito, a liña de costa de Sabadelle na parroquia de Carantoña, ou a parroquia de Cereixo son algúns dos espazos protagonistas.

A partir dun mapa interactivo cun xeovisor do territorio, poden visualizarse os diversos puntos de interese. Cando se preme nun punto, a web remite a imaxe de 360º na que se pode navegar por un espazo virtual, onde se sinalizan lugares e se ofrece información visual, textual e de son. A aplicación ofrece tamén outra información complementaria, coma audioguías, a sinalización dunhas rutas de sendeirismo, e a ligazón a publicacións culturais relacionadas co tema.

A web está programada para o seu uso en todo tipo de soportes polo que o seu visionado está optimizado tanto para ordenadores personais (PC e Mac), como para dispositivos móbiles (teléfonos e tabletas con Android ou iOS). A información está dispoñible en tres idiomas: galego, castelán e inglés.

O proxecto está financiado pola Unión Europea, o Grupo de Acción Costeira da Costa da Morte, o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a Consellería do Medio Rural e do Mar e o Concello de Vimianzo dentro do proxecto xenérico ‘Do mar á Terra’.

6 de maio de 2015 | 13:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.