Vilagarcía está lista para acoller aos milleiros de persoas que acudirán á gala Panorama Contra o Cancro
Vilagarcía xa ten todo preparado para acoller unha nova edición da multitudinaria Gala Contra o Cancro da Orquestra Panorama. Ante a previsión da chegada de milleiros de persoas para asistir ao espectáculo no que artistas como Bustamente, Luis Fonsi, Auryn ou Gemeliers acompañarán á emblemática orquestra galega, Concello e promotora pecharon xa un amplo dispositivo que abordará tanto os temas relativos ao tráfico como ás medidas de seguridade para que o público poida gozar do espectáculo e vivir esta gran festa musical e solidaria. No operativo especial participan Policía Local, Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil e a empresa de seguridade privada contratada pola promotora.
A VIII Gala Contra o Cancro da Orquestra Panorama celébrase un ano máis en Fexdega. O concerto terá lugar a partir das 23:00 horas de mañá, venres 8 de maio, na explanada do estacionamento posterior do recinto da Maroma, ao que o público poderá ir accedendo a partir das 21:00 horas.
Como é costume nesta gala solidaria en beneficio da Asociación de Loita Contra o Cancro de Pontevedra, a Orquestra Panorama conta para a ocasión cunha morea de invitados famosos que participarán no espectáculo en solitario e tamén interpretando temas cos propios membros da orquestra. O cartel encabézano David Bustamate e Luis Fonsi, seguidos de ouros artistas de primeira plana na escena musical española como India Martínez, Danny Romero e Soraya, ademais de Pablo López, DKB, Romántico Latino ou La Ricura. O público xuvenil tamén conta moito neste espectáculo e, especialmente destinado a el, actuarán o dúo Gemeliers e o grupo Auryn. A nota exótica e de cor virán da man das sempre sorprendentes performances de Pablo Méndez, un habitual nestas galas.
As entradas para asistir a este espectáculo véndense a 10 euros de xeito anticipado e a 12 mañá nas billeteiras habilitadas en Fexdega.











