Vigo promocionará as súas novas infraestruturas portuarias en Amberes
A Autoridade Portuaria de Vigo participará estes días na feira ‘Breakbulk Europe Transportation’, considerada como a máis importante de Europa para as empresas relacionadas co transporte de mercadoría xeral “en convencional”, é dicir, non contenerizada, abarcando tamén tráficos específicos como as cargas pesadas e de proxecto ou, cada vez máis, a loxística do tráfico ro-ro.
Trátase dunha das feiras máis importantes do ano na planificación da xestión comercial que leva a cabo a Autoridade Portuaria de Vigo, por ser a cita principal en materia de promoción dos tráficos e a loxística de mercadoría xeral, sector que, na distribución de tráficos de Vigo, ocupa a primeira posición do tráfico portuario.
Un ano máis, a Autoridade Portuaria de Vigo desprazouse a Amberes co obxectivo de prestar apoio e cobertura aos numerosos usuarios do Porto olívico, pondo á súa disposición unha caseta como base de operacións e centro para as reunións cos seus clientes, coa finalidade de facilitar a promoción dos seus servizos. A ‘Breakbulk Europe Transportation’ é unha das feiras máis demandadas polos usuarios da Comunidade Portuaria e unha oportunidade única para presentar os servizos que ofrecen en Vigo a armadoras e cargadores presentes no evento.
Novas infraestruturas
Así mesmo, a delegación viguesa aproveitará esta cita para presentar as novas infraestruturas do Porto vigués entre os seus potenciais clientes, facendo especial fincapé na ampliación dos Peiraos Comerciais que, grazas aos seus 50.000 m2 de superficie de peirao e os seus ata 16,5 metros de calado, logrou garantir a operatividade das navieras, ao facilitar a carga dos buques e abaratar as súas operativas, algo inviable ata o momento e demandado historicamente polos usuarios.
Esta cita, que se desenvolve tamén noutros continentes, está a converterse en punto importante para os operadores ro-ro, dado o empuxe que ten entre as armadoras de todo tipo de tráficos. Por iso, a Autoridade Portuaria de Vigo tratará de sacar o máximo proveito á súa Terminal de Transbordadores de Bouzas. Un espazo sen igual no sur da Europa Atlántica, con preto de medio millón de metros cadrados integramente dedicados ao tráfico rodado, con 5 ramplas, que pronto serán 6, e cun calado e lonxitude tamén sen igual, que cumpre os estándares de calidade e seguridade que requiren os máis esixentes fabricantes mundiais de vehículos.
Así, a delegación viguesa promocionará o liderado de Vigo en toda a fachada Atlántica peninsular, desde Sines (Portugal) ata Bilbao, neste tipo de tráfico. Non en balde, Vigo sitúase no 2º posto do ranking nacional deste tráfico, grazas ao esforzo investidor en infraestruturas e instalacións adaptadas ás necesidades dos seus principais usuarios, entre os que destaca PSA Peugeot Citröen.
Así mesmo, Vigo pon a disposición dos cargadores un completo armazón de liñas regulares ro-ro dando un servizo loxístico de exportación a múltiples marcas: 10 liñas regulares, 6 en Europa (Mediterráneo e Centro – Norte de Europa) e 4 transoceánicas (América Central e do Sur, así como o continente africano). Trátase dunha mercadoría especialmente importante para Vigo -o seu motor fundamental, xunto á pesca e o sector naval- e de gran valor engadido -en 2013 movéronse automóbiles por un valor de máis de 5.700 millóns de euros- que, no caso da dársena viguesa, conta con máis de medio século de historia. De feito, e a pesar da recesión que viviu o sector da automoción, ao longo do pasado exercicio na dársena viguesa movéronse máis de 423.000 automóbiles, na súa maioría, de exportación.
A Autoestrada do Mar
A posta en marcha da Autoestrada do Mar entre Vigo e Nantes-Saint Nazaire, será outra das bazas utilizadas pola comitiva olívica en Amberes para promocionar esta infraestrutura que, tras a posta en marcha dunha nova frecuencia con Francia a principios deste mesmo ano, logrou axilizar o servizo marítimo e aumentar o tráfico no Porto, converténdose nunha gran vantaxe para o tecido económico e industrial de Vigo e a súa área de influencia.
Así, a Autoestrada do Mar de Vigo é xa unha opción loxística de distribución e transporte internacional para moitas empresas locais, do resto de Galicia, de León e do norte de Portugal. Un servizo regular, frecuente, fiable, áxil, eficaz e economicamente competitivo que permite, dunha maneira máis económica e ecolóxica, colocar mercadorías no corazón de Francia con destino a este país ou outros de Europa.











