Verónica Boquete é a primeira española que acada a Liga de Campións feminina da UEFA
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, felicitou no día de hoxe a futbolista galega Verónica Boquete por ser a primeira española que acada a Liga de Campións feminina da UEFA (UEFA Women´s Champions League). O titular da Xunta transmitiu á deportista compostelá as súas “máis fondas felicitacións polo triunfo acadado no día de onte” co que, segundo Feijóo, fíxose “historia para o deporte galego e español”.
Nunha carta dirixida á futbolista galega, o presidente asegurou que este triunfo “súmase a unha brillante traxectoria, produto do traballo e do esforzo, sumados a unha calidade e clase xustas merecedoras do recoñecemento e admiración de todo o fútbol internacional e, por suposto, do recoñecemento e agradecemento de toda Galicia”.
O responsable do Executivo autonómico gabou a Verónica Boquete como “todo un referente de traballo e valores deportivos”. Tras desexarlle “a maior das sortes para os próximos compromisos, especialmente para o vindeiro Mundial de Canadá”, Feijóo citou á futbolista internacional para felicitala persoalmente na súa volta a Galicia.
A xogadora natural de Santiago gañou a máxima competición europea entre clubs co seu equipo, o FFC Frankfurt, tras a vitoria ante o Paris Saint-Germain por 2 goles a 1 en Berlín. No seu palmarés destacan outros éxitos como a W-League en 2010 co Buffalo Flash, a Copa da Raíña en 2009 e 2010 co RCD Espanyol, ou o Campionato Europeo Feminino Sub-19 da UEFA coa selección feminina de fútbol de España. Ademais, Verónica Boquete foi elixida como mellor xogadora da Women’s Professional Soccer estadounidense (catalogada como a mellor liga do mundo) en 2011 e foi a oitava xogadora de fútbol máis votada no Balón de Ouro da FIFA en 2014.











