publicidade hoxe

Verín acolle un curso de iniciación á apicultura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

Os días 19, 20 e 21 de xuño terá lugar en Verín un curso de iniciación á apicultura, organizado pola Asociación Galega de Apicultura, coa colaboración do Centro de Desenvolvemento Cooperativo de Verín e Rede Eusumo (na que está incluída a oficina de Desenvolvemento Local do Concello de Verín).

Este curso, que terá lugar no Centro de Desenvolvemento Cooperativo (Parque Empresarial de Pazos), está dividido en xornadas teóricas e prácticas. Na primeira delas, 19 de xuño (de 17 a 20 horas), impartiranse cuestións coma bioloxía e comportamento das abellas, evolución do enxame ao longo do ano, asentamento do apiario (factores a ter en conta), materiais e utensilios, reprodución do apiario e calendario apícola. Na segunda, o día 20 de xuño (de 11 a 14 e de 16 a 28 horas), amosaranse contidos como sanidade apícola (loque, varroa, vespa velutina), alimentación suplementaria das abellas, produtos das abellas, produtos das abellas, produción de mel, pole, própole, cera; trazabilidade, meles monoflorais, produción ecolóxica, mel crema e derivados, comercialización e prezos, axudas do plan apícola anual, produción primaria ou guía de boas prácticas. Xa o domingo 21 de maio, de 11 a 14 horas, está previsto unha sesión práctica con visita a apiarios da comarca (é preciso levar traxe apícola).

A inscrición nos cursos inclúe un día de campo que consiste nunha visita a Covas, unha explotación apícola incluida nun proxecto de recuperación rural (o día 05 de xullo en Castelo -Taboada, Lugo-. É preciso levar traxe apícola e o xantar e horario será de 11 a 18 horas). O prezo é de 50 euros para non socios/as da Asociación Galega de Apicultura -gratuíto para os/socios/as-. As inscricións deben formalizarse nos teléfonos 981-508142//981-589534 ou no correo electrónico: aga@queixoemel.org

4 de maio de 2015 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.