Valentín García participa na entrega dos Premios de Poesía, Relato Curto e Tradución Literaria da UVigo

Valentín García na entrega de premios
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá no acto de entrega dos Premios de Poesía, Relato Curto e Tradución Literaria, convocados pola Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo (UVigo) co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Os galardóns recibíronos o oceanógrafo Anxo Mena (polo poemario 15 C), o filólogo Xurxo Martínez (polo relato Fragmentos) e mais a estudante de Tradución e Interpretación Marta Santamaría (pola tradución dun texto de Paul-Jean Toulet), nun acto que a UVigo celebrou no Campus de Pontevedra, en lembranza de Xosé F. Filgueira Valverde, figura homenaxeada polas Letras Galegas 2015.
Os Premios de Poesía, Relato Curto e Tradución Literaria premian a calidade e a creatividade literaria en lingua galega da comunidade universitaria. A eles concorreron este ano un total de 43 traballos, dos cales se presentaron 22 na categoría de poesía, 15 na de relato curto e 6 na de tradución literaria.
Estes recoñecementos enmárcanse no convenio de colaboración en materia de normalización lingüística asinado pola consellería de Román Rodríguez e a UVigo.











