Valentín García participa na apertura da Feira do Libro de Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta tarde no acto de apertura da Feira do Libro de Lugo, que alcanza este ano a súa 33ª edición. Trátase da cuarta parada –tras o seu paso por Pontevedra, Ferrol e Santiago– das Feiras do Libro de Galicia, unha cita cultural pensada para trasladarlle a toda a cidadanía as novidades editoriais máis recentes.

Neste sentido, dende hoxe e ata este domingo -Día das Letras Galegas-, os lucenses poderán achegarse ata os postos instalados no fondo da Praza Maior para asistir a concertos, contacontos, recitais de poesía ou presentación de libros, entre outras actividades.

Promovidas pola Federación de Librarías de Galicia e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, as Feiras do Libro de Galicia percorren este ano 12 concellos baixo o lema ‘A historia en letras’, en alusión a Xosé Filgueira Valverde, autor homenaxeado neste 2015 coas Letras Galegas.

Próxima parada, Ourense

Tras recalar en Pontevedra, Ferrol, Santiago e Lugo, as feiras viaxarán ata Ourense, onde permanecerán do 2 ao 7 de xuño. Xa no verán, a primeira cita será a da cidade de Vigo, do 3 ao 12 de xullo, para despois continuar nese mesmo mes por Ribeira, do 16 ao 19, e mais por Rianxo, do 23 ao 26.

No mes de agosto, regresará a feira do libro da Coruña, que se celebrará do día 1 ao 10. A continuación, a provincia lucense acollerá as tres últimas citas deste ano, nos concellos de Viveiro, do 13 ao 16; de Foz, do 20 ao 23; e, finalmente, de Monforte de Lemos, onde terá lugar do día 26 ao 29.

12 de maio de 2015 | 20:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.