Uns 800 estudantes de primaria xogan co galego nos obradoiros Lingua Forza 3

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra ofreceu aos centros educativos de primaria, a principios deste curso, a posibilidade de realizar os obradoiros Lingua Forza 3. Xa no mes de novembro do ano pasado e en abril de 2015 participaron nesta actividade preto de 1500 alumnos/as.

Trátase dunha xincana con probas e xogos populares en versión lingüística, deseñados especialmente para esta actividade nos tres ciclos de educación primaria.

Para superar as distintas probas os rapaces e rapazas terán que empregar as súas destrezas de traballo en equipo, resistencia, habilidade e velocidade física, lingüística e mental. Os monitores irán enfiando todas as probas coa posta en escena e narración dramatizadas. O formato e a presentación da actividade é común aos tres ciclos de primaria, aínda que varían as probas, a dificultade e os contidos lingüísticos.

Obxectivos:

⁃ Dinamizar o uso da lingua galega na infancia a través do xogo e do traballo en equipo.

⁃ Promover o xogo en galego: xogos tradicionais e xogos novos.

⁃ Asociar o uso da lingua galega a outras áreas do currículo, especialmente á educación física.

Contidos xerais (adaptados a cada ciclo):

1. Recibimento e quecemento. Contextualización dramatizada da actividade e motivación para fomentar a participación dos nenos e nenas. Explicación en círculo da sesión. Aproximación práctica ao léxico específico relacionado co currículo de educación física.

2. Feirón con tres probas rotatorias:

a. Proba de habilidade física, lingüística e mental: xogo e traballo co patrimonio cultural inmaterial do galego oral.

b. Proba de resistencia física, lingüística e mental: xogo cooperativo no que se traballa co léxico e vocabulario específico da área de educación física.

c. Proba de velocidade física, lingüística e mental: xogo cooperativo e construción de palabras escritas correctamente en galego.

d. Proba definitiva. Empregando compoñentes do noso patrimonio oral un xogo reunirá as tres disciplinas: habilidade, velocidade e fortaleza física co uso da lingua como ferramenta fundamental.

Os obradoiros realizaranse nos seguintes centros de ensino no mes de maio:

⁃ Mércores 6 de maio, ás 9 e ás 11 horas, no CEIP de Cabanas-Salcedo (102 alumnos/as)

⁃ Xoves 7 de maio, ás 9.35 e ás 11.45 horas, no CEIP San Martiño- Salcedo (86 alumnos/as)

⁃ Venres 9 de maio:

– ás 9 horas, no CEIP de Cabanas-Salcedo (64)

– ás 11.30 horas, no CEIP San Martiño-Salcedo (45)

⁃ Luns 11 de maio, ás 9.35 e ás 11.45 horas, no CEIP de Ponte Sampaio (81)

⁃ Martes 12 de maio, ás 9.30 e 12.10 horas, no CEIP Froebel (105)

⁃ Mércores 13 de maio:

– ás 9 horas no CEIP Froebel (64)

– ás 11.30 horas no CIFP A Xunqueira (57)

⁃ Xoves 14 de maio, ás 9.35 e ás 11.45 horas, no CEIP Santo André de Xeve (111)

6 de maio de 2015 | 15:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.