Un total de 80 locais de hostalería de Carballo xa contan con cubos individuais adaptados para a recollida de vidro
O Concello de Carballo a través de Carballo Limpo e coa colaboración de Ecovidro e dos hostaleiros da vila vén de rematar a posta en marcha da segunda fase do proxecto Horeca, por medio do cal xa son 80 os locais de hostalería que contan cun cubo individual tipo VACRI (Volteo para a Asistencia de Colectores Rodantes Individuais) para a recollida do vidro. Ademais dos cubos entregados aos hostaleiros, tamén se veñen de colocar 17 novos colectores especiais que serven para que os establecementos se acheguen ao cubo por medio dun dispositivo especial situado nos colectores que fai que o baleirado de vidro se realice dun xeito sinxelo e dunha sola vez.
Así mesmo, agora son 28 os colectores Horeca instalados no Concello, que contribúen a que que Carballo sexa o concello de Galicia que máis quilos de vidro por habitante recicla, cunha media de 17 quilos por habitante, un índice que supera amplamente a media galega, situada en 14 quilos por habitante. Dentro deste mesmo proxecto serán tamén 17 os novos colectores de vidro que se instalarán no rural dentro do progresivo proceso de achegamento da reciclaxe a todo o termo municipal. Hai que lembrar que os colectores de vidro situados nas rúas serven para recoller unicamente os envases: botellas, tarros e frascos que se consomen no sector e nos fogares. Desde Carballo Limpo agradécese de antemán a colaboración da cidadanía chamando ao 981 75 49 17, na páxina web <www.carballolimpo.com> ou en Twitter @CarballoLimpo.











