Un total de 733 traballadores do naval reciben formación homologada internacionalmente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal PortadaVigo
A-
A+
Beatriz Mato na xornada sobre competitividade empresarial

Beatriz Mato na xornada sobre competitividade empresarial

Un total de 733 traballadores do sector naval están a recibir formación grazas a colaboración da Xunta de Galicia con Asime (Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia) e Formega (Fundación galega do metal para a formación, cualificación e emprego). En concreto, en virtude dun convenio asinado o pasado ano, estanse desenvolvendo en Vigo e Ferrol un total de 49 cursos que abarcan sete especialidades distintas.

Así o destacou hoxe a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, durante a clausura en Vigo da xornada “Formación: Clave para a mellora da competitividade empresarial”. Na súa intervención, cifrou en máis de 1,5 millóns o investimento do departamento autonómico nestas actividades formativas -das que xa se teñen executado máis do 60 por cento- que rematarán previsiblemente en xuño, e que permitirán ao alumnado recibir homologación internacional.

Con todo, e segundo apuntou Mato, esta non é a única iniciativa do departamento autonómico en colaboración co sector. Ao respecto, lembrou que a cooperación é tamén “estreita” noutros eidos como a prevención de riscos laborais, ou na posta en marcha de iniciativas pioneiras como Empreganav, que promoveu a reinserción laboral de 450 profesionais, un 60 por cento do total de participantes.

“Sen dúbida, contar cos traballadores máis preparados é un dos factores esenciais para mellorar a competitividade do sector”, considerou Mato, quen lembrou que a formación continua dos profesionais é un “requisito imprescindible” á hora de incrementar a produtividade do tecido empresarial.

Ademais, redunda nun importante beneficio para os traballadores porque “canto maior sexa a formación, maiores serán as oportunidades de emprego”. Por iso, proseguiu, hai que apostar por unha programación formativa que ofreza “plenas garantías”, isto é, “que sexa de calidade, homologada, e orientada ás necesidades reais do mercado laboral”.

En total, a Consellería de Traballo e Benestar destina en 2015 case 70 millóns de euros á formación para o emprego, co fin de que as empresas galegas “poidan seguir crecendo e sendo competitivas ao contar cos traballadores máis cualificados”.

29 de maio de 2015 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.