Un total de 672 persoas participarán na II Carreira Popular de San Sadurniño
A pasada medianoite pechou o prazo de inscrición para a carreira que se desenvolverá no contorno do paseo fluvial de San Sadurniño o próximo domingo. En total apuntáronse 672 persoas, case 200 máis que o ano pasado. Unha cifra que vén ratificar a cita como unha das máis importantes da comarca malia ir pola segunda edición. Este xoves pola mañá presentouse no salón de plenos o programa desta proba non competitiva, coa asistencia de representantes do colexio público -impulsor da carreira-, do Concello e de dúas figuras do atletismo galego: o veterán Antonio Cabanas e a promesa Sergio Piñón.
O edil en funcións de Desenvolvemento local, Suso Soto, actuou como portavoz municipal para falar de como se vai desenvolver a carreira, que comezará cun percorrido neutralizado de 500 metros para a proba absoluta e de menores -persoas nacidas entre 1998 e 2002-. Estas dúas categorías deberán completar un trazado de 5 quilómetros practicamente chan. O resto das probas concentraranse no contorno do arboredo de especies autóctonas da Cortiña, con voltas de 1 quilómetro para participantes de entre 12 e 10 anos, de 400 metros para a categoría benxamín -nacidos e nacidas entre 2006 e 2007- e de 220 metros para pitufos, con idades comprendidas entre os 6 e 7 anos. – Xusto antes da entrega de trofeos -prevista para as 13.30h.- haberá unha carreira de 70 metros de distancia para a categoría de biberóns, é dicir, para nenos e nenas de entre catro e cinco anos.
Soto indicou que a II Carreira Popular Concello de San Sadurniño “está enmarcada nun programa municipal máis amplo denominado Xuño Deportivo”, que encherá o mes entrante de propostas de actividade física para todas as idades. Entre elas destacan unha xornada de introdución ao Surf na praia de Pantín e a II Parada Familiar de Xogos tradicionais en Naraío, que se desenvolverán o sábado 6 de xuño, o I Torneo de ximnasia rítmica Brío e a XII Roda Cicloturista do día 14 e a ruta de sendeirismo do domingo 28 pola mañá, que percorrerá os muíños do Río Aceiteiro. Por outra banda, o concelleiro tamén destacou as actividades incluídas no programa de lecer para a mocidade “Venres en Sansa!”, que incorpora a oferta de zumba, orientación, sendeirismo, ciclismo, bádminton e kickboxing nas noites dos venres 5, 12 e 19.
O CPI de San Sadurniño impulsou en 2014 a carreira como un xeito máis “de fomentar a actividade física entre a poboación escolar”, tal e como apuntou o director do centro Lois Anxo Rodríguez. Daquela foron algo menos de 500 participantes, pero nesta edición o portal carreirasgalegas.com rexistrou un total de 672 inscricións das que 471 son para a carreira de 5 km. Un aumento considerable cualificado como “un éxito rotundo para un concello de 3.000 habitantes”. Rodríguez mostrouse satisfeito pola alta participación alcanzada e sinalou que un dos obxectivos é consolidar o encontro como un referente máis na comarca “do deporte e o ocio alternativo”.
Antonio Cabanas, un histórico en todo tipo de carreiras e medallista en probas galegas, estatais e europeas, sinalou a “boa organización” e “o ambiente” que se respirou o ano pasado para entender o éxito de inscricións nesta edición. “Eu fíxome na organización. Se a organización é boa o resto tamén. A xente fala desta carreira e quere vir a ela”, asegurou Cabanas quen, aos seus 74 anos, dixo que o domingo sairía ao cento por cento: “durante a carreira nunca teño amigos. Cando remato si.
Outro dos deportistas que asistiu á presentación, a promesa Sergio Piñón, explicou que o ano pasado non puido participar na carreira por problemas de calendario. Plantéxaa como un xeito de adestrar e de “apoiar este tipo de probas”. Piñón, que chega a San Sadurniño avalado por un campionato galego nos 1.500 metros e un 4º posto no campionato de España dos 10.000, mostrou a súa confianza en completar o trazado “sen moito problema” por baixo dos 16 minutos.
A saída da II Carreira Popular Concello de San Sadurniño darase ás 11.10h. na categoría de 1.000 metros para menores, ás 11.30h. na absoluta e menores que correrán os 5 km e, a partir das 12.40 sucederanse a intervalos de 10 minutos as probas de benxamíns, pitufos e biberóns. Posto que se trata dunha cita homologada, a carreira de 5.000 metros controlarase mediante chips, mentres que as outras faranse mediante crono grazas á colaboración da Federación Galega de Atletismo. Todos os nenos e nenas participantes levarán medalla, mentres que nas categorías superiores haberá trofeos para as tres primeiras persoas clasificadas.
Como novidade, deportistas e familiares poderán gozar dun xantar no propio contorno da Cortiña por un prezo de 4 euros.











