publicidade hoxe

Un total de 35 expositores participan na XI Feira de artesanía e da degustación de carrilleiras de Lamas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A explanada do local social de Lamas acolle este sábado a novena edición da feira de artesanía e de degustación de carrilleiras. Un encontro que cada ano atrae a centos de visitantes na procura dunha xornada arredor dos produtos máis diversos, da música e da boa mesa. A asociación de veciños da parroquia logrou reunir para o evento un total de 35 expositores entre artesáns e comercializadores de planta e produto fresco.

A IX Feira de artesanía e degustación de carrilleiras adiántase un día con respecto a outras edicións para non cadrar coa carreira popular do domingo. O programa arrancará ás 11.30h. coa inauguración oficial por parte do alcalde, seguida a iso das 12.00 da apertura dos postos de artesanía participantes no encontro. Noutras edicións puidemos ver coiro, olaría, labores en lá e tea, torneado de madeira, pero tamén actividades máis propias dun mercado, como a venda de planta e produto fresco.

A feira é, ademais, unha auténtica festa para veciños e xente de fóra. Desde as 12.30 haberá música ao vivo que animará o ambiente ata a hora de xantar, que está posta para as 14.00h. Serviranse as carrilleiras que lle dan nome á feira con empanada, requeixo, biscoito, pan, viño e café e por prezos moi axustados tendo en conta que de Lamas ninguén marcha nunca con fame. 

Os tíckets para persoas adultas teñen un prezo de 15 euros, para menores de 6 a 12 anos custarán 10 euros e as criaturas de menos de 6 anos poderán xantar de balde.

A Feira de artesanía e degustación de carrilleiras leva celebrándose case unha década grazas ao traballo que desenvolve Xuntanza de Lamas que, neste caso, contou coa colaboración de 45 firmas comerciais e coa do Concello de San Sadurniño.

29 de maio de 2015 | 14:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.