Un total de 24 empresas presentan ofertas para a reforma integral da rúa Vista Alegre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Un total de 24 construtoras optan a executar o proxecto de reforma integral da Rúa Vista Alegre promovido polo Concello de Vilagarcía cun orzamento de licitación de 288.500 euros e un prazo de execución de 4 meses. A obra ten como finalidade completar a humanización da rúa na súa parte peatonalizada e acondicionar o tramo aberto ao tráfico con melloras tanto na rede de servizos municipais soterrados, como de accesibilidade para os peóns.

O prazo de presentación de ofertas do concurso convocado para adxudicar a sobras rematou co resultado de 24 firmas interesadas no contrato. O seguinte paso a dar será comprobar a documentación e requisitos para poder concorrer á licitación e, a partir de aí, convocar á mesa de Contratación para avaliar as propostas técnicas e económicas e proceder a adxudicación final. O proceso aínda levará unhas semanas.

A reforma integral da Rúa Vista Alegre finánciase a través dos fondos do PUXIM 2015 que lle corresponden a Vilagarcía. A actuación non se limitará a mellorar a estética e mobilidades da rúa da zona monumental, senón que tamén aproveitará para renovar as redes de servizos básicos soterrados, concretamente as canalizacións do saneamento e do abastecemento de auga, moi antigas nesta rúa. Ademais, habilitarase unha canalización para o futuro soterramento da rede eléctrica do alumeado público ou outros servizos.

Tramo peonil

O proxecto para Vista Alegre dividirase en dúas partes en función do tramo pernil e do tramo polo que circula o tráfico. No primeiro comeza xusto onde remata a zona pernil enlousada, na entrada do colexio Filipense, e remata no cruce con López Cuevillas. Este traxecto leva xa un par de anos peonalizado, permitíndose soamente o paso dos vehículos de usuarios dos garaxes alí emprazados. A actuación proxectada prevé a completa humanización deste tramo da rúa que quedará a nivel.

Habilitarase un carril de vehículos para o acceso aos garaxes. Construirase en formigón, material que resiste mellor o paso dos coches sen deteriorarse. Para que teña unha imaxe máis estética e acorde coa zona monumental, o formigón tratarase mediante pulido ou impresión.

A zona de beirarrúas ensancharase a ambos lados e, aínda que irás a nivel co carril, diferenciaranse deste porque se construirá con lousas de pedra similares á da zona peonil que baixa cara Castelao.

Tramo con tráfico rodado

O segundo tramo da Rúa Vista Alegre tamén será obxecto dunha importante mellora posto que, ademais de mellorar o deteriorado firme, tamén permitirá ensanchar un pouco e reformar as beirarrúas. O firma, que na actualidade se atopa afundido e con moitos desniveis e buratos que dificultan a circulación rodada, nivelarase con formigón.

As beirarrúas reconstruiranse por completo para darlles un pouco máis de ancho que e para nivelalas, xa que na actualidade hai tramos que presentan un peralte ou desnivel moi grande que dificulta o andar das persoas e o paso de carros ou cadeiras de rodas.

27 de maio de 2015 | 19:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.