Un total de 19 establecementos do barrio da Magdalena exporán vestimenta e complementos típicos de Galicia
Os concelleiros de Economía e Cultura do Concello de Ferrol, Alejandro Lantry Caínzos e Manuel-Reyes García Hurtado, respectivamente, presentaron esta mañá a “Mostra Aberta de Traxes Tradicionais” en establecementos comerciais do barrio da Magdalena. Neste acto de presentación tamén estiveron representadas as cinco entidades culturais que participan na exposición: A.F.C. Donas e Galáns, Grupo Etnográfico das Mariñas, Alberto Golpe, A.F.C. Terra Meiga e Real Coro Toxos e Froles.
Un total de 19 locais do sector comercial exporán distintos traxes tradicionais e complementos até o día 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas. Esta exposición, que tamén ten lugar coincidindo co centenario do Real Coro Toxos e Froles, ten como obxectivo “a dinamización do comercio do centro da cidade a través dunha mostra cultural sobre vestimentas tradicionais e diferentes elementos”, sinalou o edil Alejandro Langtry. Ao fío disto, o concelleiro de Economía destacou a sinerxia entre comercio, turismo e cultura desta proposta “que é un exemplo máis de colaboración entre diferentes departamentos municipais así como o sector comercial e as entidades culturais”.
Pola súa banda, o edil de Cultura enmarcou esta mostra aberta de traxes tradicionais “nunhas datas que son de gran importancia para a cultura galega como é o Día das Letras Galegas e o centenario do coro decano de Galicia, o Toxos e Froles”. E por último, Basilio Baamonde, en representación da entidade Terra Meiga, subliñou que nesta mostra se poderá ver “unha das coleccións de traxes máis importante de Galicia” e que se incluirán tanto roupa cotiá como de gala “destacando a presenza dunha vestimenta de 150 anos”.











