Un total de 163 persoas participaron nas visitas guiadas da ruta da construción naval durante a ponte do 1 de maio
A Concellería de Turismo do Concello de Ferrol, que dirixe María del Carmen García Fraga, fixo balance das visitas guiadas á Ruta da Construción Naval e ao Pazo de Capitanía Xeral realizadas o pasado fin de semana, coincidindo coa ponte do primeiro de maio. Así, entre o 1 e o 3 de maio, un total de 163 persoas percorreron o complexo naval e militar da ría ferrolá, e o interior da antiga sede da Zona Marítima do Cantábrico, inmoble de gran valor patrimonial, histórico e cultural.
En concreto, a ruta de turismo industrial rexistrou o pasado venres a maior afluenza de visitantes durante a ponte de maio, cun total de 41 persoas. A xornada do sábado 2 tamén tivo un gran número de persoas participantes na Ruta da Construción Naval, concretamente foron 38 as que percorreron as instalacións de Navantia e do Arsenal Militar. Estas visitas guiadas ao complexo militar e naval na ponte de maio pecharon o domingo con 30 persoas participantes.
En canto ás visitas guiadas polo Pazo de Capitanía Xeral, foron 54 as persoas que percorreron durante o día 2 de maio este emblemático inmoble.











