Un total de 15 persoas con discapacidade intelectual de Redondela participan nunha actividade de vela adaptada en Baiona

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaRedondela
A-
A+

Un total de 15 persoas do Centro de atención ás persoas con discapacidade (CAPD) de Redondela están a participar este mes en tres actividades de vela adaptada no Monte Real Club de Iates de Baiona. Coa realización desta actividade preténdese fomentar a súa autoestima e reforzar as súas potencialidades.

A secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, visitou hoxe en Baiona aos integrantes desta iniciativa, todos eles con discapacidade intelectual, e indicou que “a participación das persoas con discapacidade en actividades de tempo de lecer, culturais e deportivas segue sendo un importante aspecto de mellora, pola súa importancia tanto na saúde como no desenvolvemento dos procesos de socialización e da personalidade”.

“A súa realización favorece a estimulación cognitiva, sensorial ou física e facilita a adquisición de habilidades sociais, ao tempo que permite o establecemento de relacións sociais, imprescindibles para a inclusión social e a participación nos diferentes ámbitos da sociedade”, engadiu Piñeiro.

Ata a actualidade, a experiencia levábase a cabo con persoas con discapacidade física e, neste ano por primeira vez, amplíase a persoas con outras tipoloxías de discapacidade, maiormente intelectual, e que esta Consellería tamén promove a través da colaboración coas entidades de iniciativa social mediante convenios de colaboración.

A edición deste ano 2015 do programa ‘Lecer Activo’ contén unha programación de actividades que teñen como obxectivo que estas persoas poidan ser tanto actores como espectadores, co obxectivo final de que poidan desenvolver as súas potencialidades tanto creativas como deportivas ou artísticas.

Nesta ocasión, a actividade de hoxe xira sobre vela adaptada, e vén a dar continuidade a experiencias xa testadas por este departamento en anos anteriores e que posibilitaron que as persoas con discapacidade física puideran realizar actividades náuticas de modo inclusivo nun contexto lúdico e deportivo.

Outras actividades

Ademais da actividade deportiva, ‘Lecer Activo’ ten tamén as variantes de natureza e de artes. A de natureza contará con saídas/excursións por espazos naturais, como tamén con actividades nas que poidan desfrutar dos animais (cabalos, cans, etc…) e que ademais contribúan ao seu desenvolvemento persoal.

Nesta actividade participarán persoas do CAPD da Coruña, e terá lugar no período estival, de xeito que aquelas persoas que non poden acudir aos seus domicilios familiares nesas datas, teñan oportunidade igualmente de gozar dun tempo de lecer. As actividades que se van desenvolver nesta edición son asistidas por cans, de xeito que as persoas participantes gocen, aprendan e interactúen nunha contorna natural. Deste xeito realizaranse circuítos de axilidade, superación ou pasarela, nos que as persoas acompañarán aos cans na superación dos obstáculos.

Este programa iniciarase a principios de xuño e realizarase todos os luns ata o mes de setembro. Está prevista a participación de 15 persoas usuarias por día cunha participación total no programa de 120 persoas ao remate das 8 xornadas.

Por último, o ‘Lecer Activo’ das artes vai xirar nesta edición ao redor da música e o teatro, e está prevista a súa realización no terceiro ou cuarto trimestre do ano no CAPD Sarria. Neste caso serán obradoiros de fin de semana nos que as persoas con discapacidade serán tanto actoras como tamén espectadoras, de xeito que lles permita sentirse protagonistas e ao tempo traballar tamén as súas capacidades para gozar da música, o teatro, ou a pintura. Complementarase coa asistencia a algún espectáculo, e tamén con saída a algún museo.

26 de maio de 2015 | 16:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.