Un centenar de veciños da Guarda participan nas actividades do Día Internacional dos Museos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Guarda
A-
A+

Preto dun centenar de visitantes e veciños e veciñas da Guarda participaron nas actividades organizadas polo Concello para conmemorar o Día Internacional dos Museos. Os participantes, moi interesados, puideron visitar tanto o Monte Santa Trega, coma o Museo do Mar e o Castelo de Santa Cruz, dunha maneira moito máis interactiva.

A xornada comezou pola mañá coa visita especial ó Monte Santa Trega, que levaba por título “A casa nostra: familia e poder no Trega”. O guía Leo González, ataviado cun traxe de guerreiro castrexo cedido pola Museo Municipal de Póvoa de Varzim, ambientou a visita comentando o medio centenar de participantes como vivían e como se distribuían os habitantes no castro. González fixo un percorrido pola zona escarvada onde se atopa a vivenda reconstruída e foi explicando todas e cada unha das peculiaridades destas construcións. A duración prevista para a visita era de unha hora pero debido ó interese mostrado polos participantes a actividade durou preto de dúas horas.

A seguinte actividade foi no Museo do Mar ás 17 horas. Neste punto unha vintena de participantes coñeceron, da man de Enrique Gómez Maya, a maneira de facer unha corda artesanal. Os asistentes, que estiveron moi atentos durante a explicación, tiveron a oportunidade de ver de preto esta elaboración. O obxectivo desta visita, tal e como comentou Gómez, era dar a coñecer este oficio que, como apuntou, non ten un relevo xeracional polo que está en perigo de extinguirse.

A última actividade tivo lugar no Castelo de Santa Cruz. Manuel Álvarez Pérez, xunto con Nuria Castro e Miguel Souga, membros da asociación “A Jalleira”, explicaron ós participantes as diferentes épocas polas que pasou o Castelo. Así, por exemplo, falaron que no 1860, poxáronse as parcelas e un dos propietarios dividiu o espazo interior nunha zona de xardín e outra para a horta. Desta división naceu unha masa forestal moi variada e interesante, na que, por exemplo destacan uns cipreses de gran envergadura, grandes camelios ou especies exóticas chegadas dende Xapón.

18 de maio de 2015 | 19:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.