Talabarte presenta as cancións do seu disco nunha xira en enclaves únicos galegos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press
Talabarte

Talabarte

O grupo Talabarte presentará as cancións do seu próximo disco nunha xira exclusiva durante o mes de xuño en cinco enclaves únicos galegos, que foi presentada este venres en Santiago. ‘Talabarte Music and Food’ é a proposta coa que o trío presentará os temas do seu próximo disco. As actuacións, en lugares exclusivos con concertos íntimos, inclúen a degustación de aperitivos nun ‘showcooking’ maridados co vermú galego Nordesía.

Quim Farinha, violín da banda, destacou que a xira comezará o vindeiro domingo 7 de xuño cunha presentación e concerto no Dolmen de Dombate, ás 12,30 horas.

A ese concerto seguiranlle o seguinte domingo 14 un paseo en barco pola ría de Pontevedra con saída ás 11,30 horas desde Bueu e ás 12,00 horas desde Portonovo.

O domingo 21, o espectáculo trasládase ao Muiño das Mareas de Muros, ás 13,00 horas. O cuarto concerto será no faro de Cabo Vilán, ás 20,00 horas e a última actuación da xira será no Pazo da Marquesa, en San Sadurniño, o 28 de xuño ás 13,00 horas.

COMO SINALABA DA VINCI

Farinha resaltou que teñen “especial interese” neste formato porque os ensaios da banda sempre “van acompañados dunha boa comida”, unha combinación de música e gastronomía que Leonardo Da Vinci xa sinalaba como adecuada no seu tempo.

En canto aos enclaves elixidos, o músico indicou que buscaron “espazos que soasen ben”, nos que o público, ademais, terá a oportunidade de facer unha visita para coñecelos mellor.

Xoán Cannas, de Nordesía, explicou, pola súa banda, que os responsables deste vermú son “apaixonados da cociña” e que a súa creación “responde o carácter atlántico de Galicia”, presente tamén na música de Talabarte.

“Tiñamos claro que a xira encaixa nos nosos valores, xa que fala de respecto, de tradición, de sensibilidade”, chamou a atención Cannas.

POR 12 EUROS

Ao termo das intervencións, o trío interpretou dous dos temas do seu novo traballo, ‘Schaeerbeek Circle’ e unha ‘cara b’ da banda sonora que Berrogüetto fixo para o filme ‘Inevitable’. Pola súa banda, o encargado do ‘showcooking’ durante a xira, Xian Herrera, preparou un aperitivo maridado con vermú Nordesía.

As entradas están á venda de forma anticipada a través de info@culturactiva.org, do teléfono 981 582 836 e de puntos de venda locais, por 12 euros para todas as actuacións excepto a do barco o 14 de xuño, cuxo prezo é de 22.

29 de maio de 2015 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.