Sétima edición do Día do Deporte da Laracha o sábado 6 de xuño
O deporte tomará as rúas da Laracha o sábado da próxima semana, día 6 de xuño, coa celebración do Día do Deporte, un evento clásico na programación municipal que este ano alcanza a súa sétima edición. Os obxectivos da xornada son fomentar a práctica de diversidade de tipos de actividade física e promocionar os estilos de vida saudables entre persoas de todos grupo de idade, en especial dos nenos e dos maiores.
Tal e como se fixo en anos anteriores, nesta edición apostarase por ofrecer aos participantes un amplo abano de posibilidades para practicar moi diversas disciplinas e tamén propostas lúdicas relacionas coa actividade física e o deporte.
Desde as 10:00 horas, e durante toda a mañá, a explanada situada xunto ao IES Agra de Leborís e a biblioteca municipal da Laracha será o punto de encontro para todas as persoas que desexen participar e formar parte dunha xornada saudable, deportiva e lúdica. Poderanse practicar modalidades como o fútbol 3×3, baloncesto, béisbol, minigolf, patinaxe, tiro con arco, badminton, xadrez, ciclismo, ximnasia de mantemento, aeróbic, chave, sumo e tenis.
Ofrecerase a posibilidade de practicar estes deportes de forma libre e tamén na modalidade de competición, para o que será precisa a inscrición previa no propio lugar do desenvolvemento da actividade.
Ademais, as propostas lúdico-deportivas que estarán a disposición dos participantes serán a equitación, karts, circuíto de argolas, portería inchable e a ra. A exhibición de aeróbic, un dos eventos máis vistosos da xornada, está prevista para as 12:45 horas.
Durante toda a xornada permanecerán instalados dous stands nos que se ofrecerá información relativa á alimentación e será promocionada a práctica de estilos de vida saudables. Un dos postos estará atendido pola Xunta Local da Laracha da Asociación Española Contra o Cancro. No outro stand, un técnico nutricionista realizará a todas as persoas que o desexen a proba do índice de masa corporal, así como unha serie de directrices e prácticas alimentarias dirixidas a alcanzar o peso ideal.
O final da xornada está previsto para as 13:30 horas, momento no que se realizarán os sorteos dos premios doados polas empresas colaboradoras entre todas as persoas que participaron nalgunha das modalidades deportivas durante a mañá.
Na organización do evento colaboran co Concello da Laracha: Deputación Provincial da Coruña, Abanca, Hidroeléctrica Laracha, Supermercados Gadis, Autoservicio Familia, Diario de Bergantiños, Deportes Miro, Deportes San Remo, Cervecería M3, Hotel-Restaurante ABC, Imprenta Esymar e a Asociación de Comercio, Servicios e Industria da Laracha (ACSIL).











