publicidade hoxe

Sesión de contacontos na Biblioteca de Verín para conmemorar o Día das Letras Galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

O venres día 15, ás 18 horas, a Larraitz Urruzola presenta na Biblioteca Pública Municipal o contacontos infantil Babamor, para un público preferente de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, e que conmemora o Día das Letras Galegas adicado a Xosé Fernando Filgueira Valverde.

O contacontos é de acceso gratuíto, previa inscrición na Biblioteca, ao ser as prazas limitadas (ou no teléfono 988-413624). O acto está financiado polo Concello de Verín e a Consellería de Cultura, Educación e O.U., a través do programa Cultura no Camiño 2015.

O espectáculo

Babamor é un espectáculo para público infantil (preferente 3 a 12 anos de idade) de 40 minutos de duración. Babamá ven de recoller miles de historias que nacen en moitas familias cheas de amor. Esas historias falan sobre as diferentes maneiras de amar. Contos do amor que implican emocional e activamente a audiencia infantil, e que proceden de libros publicados ou inéditos. Historias que deixan como mensaxes subliminais entre os espectadores que o amor é a enerxía que libera a humanidade, e que os libros poden ser unha fonte na que nutrirse de historias tinxidas desa preciosa substancia.

A narradora

Actriz e titiriteira, María Larraitz Urruzola Tolosa crea propostas escénicas para público infantil e familiar desde o ano 1989. De formación autodidacta e cun longo percorrido por varias compañías profesionais de teatro e títeres, destaca pola súa capacidade de conexión e comunicación co espectador. Domina varias técnicas de manipulación de títeres, tanto para artes escénicas como para o formato audiovisual: variña, sombras, guiñol, marionetas de fío, luz negra, monicreques de luva e mesa, bunraku

Como contadora de historias, caracterízase pola diversidade estética e variada tipoloxía da voz á hora de proxectar os seus personaxes, utilizando o xogo dramático como recurso para contribuír á formación integral da persoa. Con máis de 20 anos de experiencia en espectáculos de títeres para público familiar e formando parte desde o 2008 da compañía Teatro Babaluva, no seu percorrido profesional María Larraitz Urruzola Tolosa traballou tamén con Buratini, Cachirulo, Teatro do Liló, Os Quinquilláns. Coa Produtora Lúa Films fixo 60 capítulos, co papel do personaxe Pencas, para o programa emitido na TVG “Planeta Fantasía”.

11 de maio de 2015 | 18:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.