Sesión de contacontos ‘Lobo bobo’ de Elefante Elegante na Casa da Cultura de Verín
O vindeiro venres 08 de maio, ás 18 horas, terá lugar na Casa da Cultura de Verín o contacontos ‘Lobo bobo’ de Elefante Elegante, enmarcado no programa Cultura no Camiño, organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria coa colaboración da Biblioteca Pública Municipal de Verín (no caso de que tivese lugar algún acto electoral a actividade sería trasladada ás instalacións da Biblioteca).
Que pasaría se o lobo da Carrapuchiña se fixese vexetariano? Que acontecería se a Madrastra de Branca de Neve se converterse nun dos tres Porquiños por mirarse tanto no espello máxico? A resposta a estas e outras preguntas poderémolas descubrir no novo espectáculo para bibliotecas do Elefante Elegante.
Gonçalo Guerreiro mistura os contos de sempre para crear unha nova historia na que conviven o cómico e o poético co teatro xestual e a música. Un espectáculo interactivo, destinado onde as marionetas cobran vida nas casas que se irán construíndo diante dos ollos dos espectadores á medida que se narran as novas aventuras dos personaxes dos clásicos infantís. Está destinado a un máximo de 50 nenos/as socios/as da Biblioteca de Verín, con idades comprendidas entre os 3 e 8 anos, que deben acudir cun dos seus proxenitores ou familiar.
Para participar no contacontos ‘Lobo bobo’, que tamén se inclúe na programación de actividades destinadas ao fomento da lectura e dinamización da instalación municipal, é necesario inscribirse na Biblioteca Pública Municipal de Verín ou no teléfono 988-413624.











