Servizos Sociais de Cambre pon en marcha un curso de “Coidador de Coidadores”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambre
A-
A+

O departamento de Servizos Sociais pon en marcha un curso de coidador de coidadores, dirixido a usuarios de axuda a domicilio municipal co obxectivo de proporcionar habilidades específicas que completen a información e o apoio individualizado aos coidadores. Por unha banda búscase o intercambio de experiencias e a creación de redes de apoio a través da intervención en grupo e por outro, dotar ao participante das ferramentas e recursos necesarios para mellorar o seu benestar social. Xa empezaron as entrevistas individualizadas e a partir do mércores 13 de maio inícianse as sesións grupais ata o 17 de xuño, todos os mércores de 16:30 a 18:30 nas dependencias de servizos sociais da Barcala”.

Doutra banda, o programa CONCILIA TARDE está a ter un gran éxito tras a súa presentación hai dúas semanas. Trátase dun programa que oferta medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral para todos aqueles pais e nais de Cambre que non poidan ocuparse dos seus fillos polas tardes por motivos laborais ou de formación para optar a un emprego principalmente, así como motivos de emerxencia laboral ou familiar. O servizo é gratuíto e os menores quedarán a cargo de profesionais na ludoteca municipal.

7 de maio de 2015 | 19:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.