Sergas e UVigo asinan un protocolo de colaboración para o fomento da doazón de órganos e tecidos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, asinaron hoxe un protocolo de colaboración entre o Sergas e a Universidade da cidade olívica, para a realización de actividades de información, difusión e fomento da doazón de órganos e tecidos en centros e dependencias da antedita universidade.

Cremos que o protocolo que acabamos de asinar, -dixo a titular da carteira sanitaria-, contribuirá a aumentar a cifra de doadores en Galicia e a concienciar máis á sociedade, en particular á comunidade universitaria, da necesidade de colaboración e solidariedade neste ámbito.

Pola súa banda, Salustiano Mato dixo que “este un convenio moi ligado ao mundo onde a vida se ofrece con vida e a comunidade universitaria está especialmente sensibilizada coa doazón. Hoxe, coa sinatura deste convenio, damos un paso máis para intensificar a nosa achega coa fin de acadar o benestar social que implican as doazóns. É, ademais, un caldo de cultivo perfecto para seguir á cabeza da doazón de órganos en Europa”.

Estas actividades levaranse a cabo mediante a instalación de puntos de información, que serán atendidos por estudantes da Universidade, con carácter voluntario. Nestes puntos, facilitarase información sobre as vantaxes que para a sociedade ten a doazón de órganos e tecidos, así como sobre as condicións xerais e mecanismos dispoñibles para tal efecto.

Tal e como remarcou Rocío Mosquera, dende que se puxeron en marcha en Galicia os programas de transplantes, xa se realizaron máis de 6.700, incluíndo renais, hepáticos, cardíacos, pulmonares e pancreáticos. Tamén resaltou que esta actividade se leva a cabo dentro da sanidade pública, en hospitais públicos, un verdadeiro éxito do noso sistema, -dixo-.

Para rematar o acto, a conselleira amosou o seu recoñecemento e o da sociedade galega aos doadores de órganos, ás súas familias, aos profesionais, así como a todas as persoas, asociacións e institucións que, como a Universidade de Vigo, colaboran nas campañas informativas a prol da doazón, e tamén ao papel dos medios de comunicación na distribución de información vencellada con este xesto solidario.

29 de maio de 2015 | 13:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.