Santiago Futsal chegará coas súas Escolas de Futsal a Asia

Presentación do Santiago Futsal Talent Factory
O presidente do Santiago Futsal, Ramón García presentou esta mañá o novo proxecto internacional do club galego, Santiago Futsal Talent Factory a escola de formación de fútbol sala do Santiago Futsal en Xapón, un proxecto do Santiago Futsal en colaboración coa JFL (Japanese Futsal League).
Ramón García, acompañado do director de formación do Santiago Futsal en Asia, Motonori Baba e o técnico do Santiago Futsal, Santi Valladares, anunciou esta iniciativa, pioneira no fútbol sala galego, que nace “como un proxecto ilusionante que quere consolidar a metodoloxía de traballo do Santiago Futsal en Xapón”.
O presidente do Santiago Futsal fixo referencia ao interese que, tanto adestradores e xogadores do país asiático mostraron no traballo do club de Santiago nos últimos anos “desde fai máis de 6 anos están a vir adestradores, equipos e xogadores, todos iso grazas ao prestixio que ten a metodoloxía de traballo do Santiago Futsal, que fixo como un polo de atracción para que un país tan importante e influente como Xapón, optasen por vir aquí a tratar de aprender a metodoloxía de traballo que aquí se desenvolve.”
Tamén fixo referencia a esta iniciativa, pioneira nun club galego, e as aspiracións que dela se espera “Podemos presumir da condición pioneira deste proxecto. Esperamos que uns 500 nenos vistan a camiseta do Santiago Futsal en Xapón e que máis de 100 xogadores e adestradores visiten Galicia ao ano. Este é un obxectivo que nos marcamos e que sería un indicador de que o proxecto se consolida e que está a coller forza. As primeiras escolas abrirán en Nagasaki, Fukuaoka e Saga, e cando o proxecto colla envergadura poder chegar a Tokio. Ademais, a cobertura mediática de todos os eventos organizados polo Santiago Futsal está garantida pola liga Xaponesa de Fútbol.”
Pola súa banda, o director de formación do Santiago Futsal en Asia Motonori Baba, expresou a necesidade de formar a xogadores en Asia debido ao crecemento do deporte neste continente “Esta iniciativa nace da necesidade de formar xogadores de fútbol sala en Xapón como consecuencia do crecemento da liga Xaponesa e do interese destes deportes no noso país. Eu levo 9 anos en España, admirando este deporte e aprendendo día a día. Pero decidín quedarme en Santiago, xustamente, para aprender o mellor de España, que creo que está aquí, tanto en metodoloxía, traballo e filosofía. O prestixio do club é inmenso en Xapón, con adestradores e xogadores importantes do país que viñeron a Santiago a aprender e mesmo a selección veu xogar amigables contra o Santiago Futsal”
Motonori Baba explicou o desenvolvemento do proxecto, que comezará no mes de xullo e levará a cabo ata o mes de marzo. “Miguel e eu levabamos máis dun ano falando deste proxecto e de como implantar unha base de metodoloxía de Santiago en Xapón. A sede da escola estará en Nagasaki e desenvolverase en diversas cidades do sur de Xapón, na zona de Kyushu. A escola de formación Santiago Futsal Talent Factory abrirá en xuño e ata o mes de marzo organizaranse campus todos os meses para grupos dun máximo 40 nenos. Tamén organizaremos clínics mensuais con adestradores para difundir a filosofía do club. A inauguración da primeira escola terá lugar en Nagasaki o 22 de xullo, á que asistirá o adestrador do Santiago Futsal Santi Valladares. Santi estará en Xapón 15 días e asistirá a algúns actos, adestramentos de nenos, partidos das ligas territoriais e mesmo dará charlas para compartir filosofía do club. Tamén acudirá aos campus que se realicen a finais do mes de xullo e mesmo, a nosa intención, é que poida visitar a equipos da Primeira División de Xapón e da capital, Tokio.”
Santi Valladares, adestrador do Santiago Futsal, que asistirá á inauguración das Escolas no mes de xullo, mostrouse moi ilusionado co proxecto e expresou a súa confianza no mesmo “levo traballando con Motonori moito tempo aquí e sei que a nosa filosofía de traballo alí vai estar implantada ao máximo nivel. Todos os coñecementos que nós aquí transmitimos á nosa canteira e ao primeiro equipo, Motonori domínaos perfectamente.”











