publicidade hoxe

Sansa Enreda achega á actualidade os divertimentos do pasado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Non hai tanto non había tanta fartura e os nenos e nenas buscaban con que entreterse cos obxectos máis sinxelos. E lográbano con imaxinación, habilidade e tamén cunha tradición de séculos que soubo manter vivos xoguetes e divertimentos que hoxe corren o risco de perderse no mundo do enchufar e listo. Xogos que obrigaban a buscar solucións para o entretemento e que eran preparatorios para a vida meténdolles aos cativos na cabeza que é máis importante colaborar que competir e que se pode xogar a calquera cousa polo simple pracer de xogar. Esa é a esencia do proxecto Sansa Enreda que se desenvolve no colexio público de San Sadurniño. Para reconectar pasado e presente este luns o alumnado de 3º de primaria recibiu a visita de catro veciños de Naraío que lles ensinaron a facer os xoguetes cos que brincaban de pequenos. Con abraio ao principio e con implicación total ao final, os nenos e nenas do colexio descubriron que existe vida máis aló da “play”, da “wii” e do “candy crush” que teñen os maiores no móbil.

Sansa Enreda toma como base os xogos e enredos tradicionais para aproveitar o seu potencial educativo nas etapas de infantil e primaria. O proxecto ten un plantexamento ben simple: familiares e persoas achegadas ao alumnado acoden á escola para ensinarlle á cativería como construír os xoguetes dunha infancia que nos queda máis preto no tempo do que pensamos. 

Este martes foron Gelis Puentes, Celsa Prieto, Pura García e Lisardo López quen pasaron por alí. Participan nos obradoiros de memoria activa organizados polo Concello coa colaboración da Deputación da Coruña e aínda lembran como construír asubíos, carros con nabos -cunha remolacha neste caso-, grileiras e algún enredo máis. De todo levaron unha mostra e, ademais, os materiais necesarios para que os nenos e nenas se puxesen mans á obra. 

Organizados en grupos, os 20 alumnos e alumnas de 3º de primaria foron quen de reproducir os xoguetes e, quizais o máis importante, espertoulles a curiosidade por ver ata onde chega isto dos divertimentos tradicionais. E aí teñen moito que descubrir: barcos de noz ou casca de piñeiro, frautas de cana, foguetes de xunco, punteiros de palla, pantelros, ou mesmo bonecas feitas con espigas e plana do maínzo. De feito, está previsto que cando chegue a época da esfolla tanto xente de Naraío como de Ferreira volvan ao colexio ensinar como se fan.

Máis xogos o próximo 6 de xuño

Sansa Enreda é un programa impulsado polo profesor Iván Montes quen, ademais, participa xunto con outros mestres e mestras do CPI na organización da II Parada Familiar de Xogos Tradicionais. Nesta segunda edición o encontro co lecer e os xoguetes de toda a vida trasládanse ao campo de fútbol de Naraío coa colaboración da ANPA do colexio e da AVV. O Castelo. 

O sábado 6 de xuño a partir das 16.30h. desenvolveranse varias actividades nas que se agarda a participación activa de nenos e nenas pero tamén de persoas maiores. Toda a información está dispoñible a través do blog da iniciativa

13 de maio de 2015 | 18:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.