publicidade hoxe

San Sadurniño programa seis eventos co gallo das Letras Galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Este ano o Día das Letras Galegas está dedicado a Xosé Fernando Filgueira Valverde. Nado en Pontevedra en 1906, Filgueira foi historiador, político, etnógrafo e figura controvertida polo seu vencellamento co galeguismo primeiro e co franquismo despois. Cuestión esta última que non desmerece a calidade e extensión da súa obra como referenza da cultura galega que é, en esencia, o que se reivindica co gallo das Letras. San Sadurniño programou varias actividades na biblioteca, humor e música na Casa da Cultura e tamén cine, coa proxección este sábado do filme A Esmorga á que asistirá o seu director, Ignacio Vilar.

A programación das Letras Galegas comeza este venres 15 ás 11.15h. coa sesión de contacontos “Contos dende a saudade”. Marisa Irimia contaralle ao alumnado de 1º de primaria do colexio historias recollidas aquí e acolá, contos escoitados de pequena nas sobremesas da casa, relatos de animais e narracións marabillosas representativas da visión do mundo desde o balcón da tradición oral galega

A biblioteca tamén armou para o sábado 16 e o domingo 17 unha feira de troco de libros en galego. Calquera pode levar á biblioteca un máximo tres libros en galego que teña na casa en bo estado. Por cada un deles daranlle un vale que poderá canxear por exemplares cedidos por outras persoas. Os libros estarán expostos eses dous días no recibidor da Casa da Cultura a partir das 18h. Na iniciativa participan tamén os nenos e nenas do colexio, que teñen ata este venres para cambiar no centro libros por vales canxeables. A feira de intercambio admite todo tipo de literatura sempre que estea escrita en galego.

A Biblioteca Municipal de San Sadurniño converterase, ademais, nun espazo para a declamación o luns 18 a partir das seis da tarde. O colectivo poético pontés Alalá e a creadora local María Teresa Pouso ofrecerán un recital con creacións propias e nun ambiente de café literario, aberto tanto a xente interesada nas letras e na creación poética como a calquera que queira pasar un bo rato escoitando como falan os sentimentos.

Cine galego

O director Ignacio Vilar e o guionista Carlos Asorey adaptaron recentemente ao cine a obra “A Esmorga”, de Eduardo Blanco Amor. Nela retrátanse as 24 horas de troula por Auria -Ourense- de Cibrán o Castizo, Xan o Bocas e Aladio o Milhomes. Personaxes clásicos das nosas letras levados con mestría á pantalla grande por Vilar nun filme que conseguiu varios premios Mestre Mateo e que opta aos Goya. A película está protagonizada por Miguel de Lira, Antonio Durán “Morris” e Karra Elejalde e, como curiosidade, entre o cadro técnico atopamos o nome do realizador local Miguel Noval, quen participou na produción no equipo eléctrico e de iluminación.

O director do filme asistirá á proxección -sábado, 18.30h., Casa da Cultura- e, posteriormente, contestará a todas as preguntas que o público lle queira facer sobre a película. A cualificación de idades sinala que é para maiores de 15 anos. As entradas teñen un prezo de 5 euros e poden reservarse con antelación chamando á Casa da Cultura (981 490 027).

Humor e música para o propio Día das Letras

Para a tarde do domingo 17 temos dous espectáculos na Casa da Cultura. A partir das 18h. a actriz Isabel Risco meterase na pel de Chelo García Naveira, o nome tralo que se oculta Nabiza Girl. Unha superheroína rural galega con superpoderes provenientes do sulfato que promete ofrecernos a xeito de monólogo unha boa dose de risas.

Ao remate deste espectáculo subirán ao escenario da Casa da Cultura Xosé Luís Rivas e Baldomero Iglesias, máis coñecidos como Mini e Mero. Músicos, poetas, mestres, investigadores e activistas culturais, formaron parte de Fuxan os Ventos e agora son compoñentes de A Quenlla, con quen seguen mantendo vivo o seu particular xeito de por en valor e reivindicar a cultura galega. Tanto as aventuras de Nabiza Girl como o concerto de Mini e Mero son gratuítos e con entrada libre até completar o aforo do auditorio.

14 de maio de 2015 | 18:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.