Rosario Porto afronta tratando de resistir o inicio do xuízo pola morte de Asunta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

Rosario Porto afronta “tratando de resistir” o inminente inicio do xuízo pola morte da súa filla, Asunta Basterra, no que o seu avogado confirmou que sentará no banco dos acusados e que non fará uso da súa condición de letrada para situarse xunto ás defensas. Á saída do acto no que se seleccionaron por sorteo as 36 persoas das que sairá o xurado popular para o caso, o letrado de Rosario Porto, José Luis Gutiérrez Aranguren, confirmou que a súa clienta estará sentada, ao igual que Alfonso Basterra, no “sitio que lle corresponde aos acusados”.

“Eu xa dixen, e reitero, que non quero que se considere que estou a tratar de obter un trato de privilexio pola súa condición de avogada”, dixo Aranguren en relación á posibilidade de que Rosario Porto, ataviada con toga, poida seguir o xuízo dende a tribuna dos avogados por ser letrada, un dereito do que si fixo uso durante a instrución.

O avogado defensor mantén un contacto semanal con Rosario Porto, á que visita na prisión de Teixeiro (A Coruña). Sobre o seu estado, confirmou aos medios que está a “tratar de resistir para chegar viva ao xuízo” -en sentido metafórico, aclarou-, nunhas “condicións mínimas que lle permitan soportar a tensión e a situación que se lle vén enriba”.

11 de maio de 2015 | 16:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.