Román Rodríguez visita o Museo das Peregrinacións e de Santiago co gallo do Día internacional dos museos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Román Rodríguez na visita ao Museo das Peregrinacións

Román Rodríguez na visita ao Museo das Peregrinacións

Co gallo da celebración do Día Internacional dos Museos, que se celebra hoxe baixo o lema ‘Museos para unha sociedade sustentable’, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, convidou esta mañá desde o Museo das Peregrinacións e de Santiago a visitar e gozar do coñecemento que albergan os museos galegos. O titular de Cultura lembrou que os actos conmemorativos deste Día terán lugar durante toda a semana nos museos xestionados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

Cómpre lembrar que esta conmemoración foi instaurada por primeira vez no ano 1977 e desde entón celébrase en todo o mundo co obxectivo de poñer en valor o papel destas institucións na sociedade.

Precisamente, con motivo deste Día, a Consellería de Cultura e Educación deseñou unha serie de actividades específicas nos dez museos que son de xestión directa súa, que comezaron esta fin de semana e que se alongarán durante todos estes días.

Así, a partir de mañá martes e ata o día 22 deste mes o Museo das Peregrinacións e de Santiago, que hoxe visitou o conselleiro, acollerá visitas teatralizadas para alumnado de secundaria, nas que a compañía TEP Teatro en Punto fará revivir “as Marías”, dúas figuras imprescindibles das rúas compostelás, para achegar os estudantes á historia da capital de Galicia. Ademais, este mes de maio o Museo estrea un novo formato de visitas dinamizadas aos fondos da súa colección, para lle descubrir ao alumnado de primaria e secundaria a historia e a arte dun xeito singular. Tamén, en horario 10 a 15 horas, prográmanse visitas guiadas de 30 minutos de duración que non precisan inscrición previa.

‘Geocaching’ no CGAC

Doutra banda, o Centro Galego de Arte Contemporánea súmase hoxe luns a esta celebración cunha xornada de portas abertas. Ademais, toda esa semana terá lugar o ‘geocaching’, unha actividade na que os xogadores buscan ou agochan tesouros (cachés) ocultos. Para atopalos, o público mergullarase nos diferentes espazos do CGAC e percorrerá as exposicións seguindo as pistas que se marcan nunha aplicación móbil gratuíta para tal fin. Tamén durante toda a semana, e seguindo o lema de “Museos para unha sociedade sustentable”, o Centro Galego de Arte Contemporánea quere representar a relación entre biodiversidade e a diversidade sociocultural mediante a entrega aos visitantes de plantóns procedentes de sementes ecolóxicas co obxecto de que cada persoa se encargue de froitificalas. Un taller de fotografía, charlas, conferencias e concertos completan a actividade do CGAC con motivo do Día Internacional dos Museos.

Portas abertas no Gaiás

Hoxe é outro día máis de portas abertas, que se suma ás da fin de semana. Por tanto, a entrada á exposición ‘Camiño. A orixe’ será de balde. E como a celebración desta data coincide co Día das Letras Galegas, ás xornadas de portas abertas e ás visitas guiadas á exposición súmanse as ‘Visitas Filgueira Valverde’, un percorrido no que descubrir a figura deste intelectual galeguista a través de varias pezas da mostra e xogos para gozar en familia. 

Doutra banda, no Mupega entre hoxe luns 18 e o 23 de maio, haberá visitas guiadas pola historia da educación ambiental e mais da sustentabilidade na aulas e nas escolas a través da súa colección.

Tamén se poderá visitar a exposición ‘O primeiro Picasso’, eixo da actividade do Museo de Belas Artes nestes días na Coruña, con visitas guiadas, talleres sobre o pintor dirixidas aos máis cativos.

Así mesmo o Museo Massó ofrecerá en Bueu, o venres 29 de maio, ás 20,30 horas, unha charla impartida polo arqueólogo Adolfo Fernández e a restauradora Marta Lago sobre a ánfora romana de San Martiño de Bueu, unha das pezas singulares do recinto.

Ademais de visitar as exposicións permanentes do Museo do Mar de Galicia, en Vigo, quen acudan poderán contemplar o impresionante esqueleto dun cachalote e un submarino orixinal, así como o acuario onde se mergullarán nun anaco dunha ría galega para ver algunhas das especias que nela habitan. 

Precisamente ata o domingo día 24, os interesados poderán seguir desfrutando da exposición itinerante “Tierra, mar, aire” da Fundación Aena, que leva rexistrada unha grande afluencia de público ata o momento.

O Museo Etnolóxico de Ribadavia programa ata o 31 de maio obradoiros de fotografía para escolares dos concellos ourensáns, para dar a coñecer os seus fondos, que inclúen unha visita á área documental do museo e mais ao taller de restauración. 

Pola súa banda o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense organiza xornadas de portas abertas desde mañá martes ao 22 de maio, con visitas guiadas para grupos, ás 12 horas, ao Pazo do Bispo, previa inscrición. A programación do MAPOu completarase cunha actuación hoxe mesmo de Fernando Abreu (clarinete) e Pablo Carrera (guitarra), que hoxe mesmo presentan o seu traballo ‘Dous’. O mércores, día 20, haberá unha visita guiada ao parque de San Lázaro ás 12 horas e a presentación da ‘Peza do mes de maio’ –unha fotografía dos anos cincuenta do dito parque–, a cargo de Vicente Rodríguez García na sala de San Francisco, 

O xoves, día 21 de maio, preséntase a exposición ‘Castros lucenses’, no Centro da Cultura Castrexa de San Cibrao de Las. E o venres 22 terá lugar a actividade ‘Conversas no museo’, co Colexio de Arquitectos de Ourense, no Pazo do Bispo.

18 de maio de 2015 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.