Rol en Vivo e Andaina porán o colofón ao programa Ociourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O programa de actividades para a mocidade Ociourense, que desenvolve a Concellería de Saúde do Concello de Ourense chegará ao seu remate a derradeira fin de semana do mes de maio,  coas dúas últimas propostas: unha xornada de Rol en Vivo, o sábado, 30 de maio, pola tarde e unha Andaina sen fume, o domingo, 31, pola mañá.

O programa, que desenvolve o Concello coa colaboración do Ministerio de Sanidade, contou este ano coa participación de mil mozos e mozas ourensáns, cifra que se incrementará cos/as asistentes á Andaina sen fume.

A concelleira de Saúde, Marga Martín e a técnica municipal Paz Villar e o coordinador, César Fernández, fixeron balance deste programa que un ano máis, marcouse como obxectivo achegar propostas saudables para o tempo de lecer da mocidade ourensá durante as fins de semana. Xa remataron BTT, Piragüismo, Escalada, Parkour, A bailar, A cociñar, Foto en ruta, Camiñar na noite, Xogos de sempre, Globoflexia e Cócteles sen alcohol, e seguen en marca buceo, maxia para ligar, e “Sábados de cine”, que rematará o 23 de maio coa proxección de “Un dos nosos” (Martin Scorsese, 1990, 146 minutos, EE UU), ás 18:00 horas, na biblioteca pública.

Rol en vivo

O rol en vivo é unha variante dos xogos de simulación na que cada participante interpreta a un personaxe dentro dunha historia global. Como unha obra de teatro cun guión aberto, onde cada participante actúa libremente de acordo cos intereses e obxectivos do seu personaxe. O propósito é crear entre todos unha boa historia e pasar unha tarde memorable. O único límite son as propias do regras do xogo.

Nesta ocasión os/as xogadores/as trasládanse aos anos 30 do século XX para investigar un crime. Deberán buscar pistas, interrogar a sospeitosos/as e interactuar cos/as compañeiros/as para resolver o enigma. Será o sábado 30 de marzo, de 17 a 20:00 horas, comezando na Praza do Bispo Cesáreo. Conta con 80 prazas, a participación será en parellas e a inscrición poderase realizar o propio día na Alameda.

Andaina sen fume

O domingo, 31 de maio, será a VI edición deste tradicional paseo saudable, que pon en valor os paseos fluviais, as pontes que cruzan o río Miño, e a Alameda do Concello, que é o centro da actividade.

A ruta pretende dar importancia á actividade física, seguindo a teoría dos 10000 pasos ao día como medida de actividade necesaria para mellorar os niveis de saúde e protexernos fronte a enfermidades de risco vascular, metabólico… A andaina sairá ás 10:00 horas, e as persoas interesadas poden inscribirse x ana Concellería de Saúde o facelo, a partir das 9:00 horas, na carpa que se instalará na Alameda, o día da actividade.

A Andaina saudable é un paseo amable, no que se busca potenciar a saúde, a socialización, mellorar o coñecemento do entorno cercano da nosa cidade, en un ambiente lúdico dentro do principal día de ocio da semana.

Esta actividade enmáracase na celebración do Día Mundial sen tabaco 2015, no que sembramos que a epidemia mundial de tabaco mata cada ano a case 6 millóns de persoas, dos que máis de 600.0000 son non fumadores que morren por respirar fume pasivamente.

O lema do Día Mundial Sin Tabaco 2015 é exhortar aos países a que colaboren para poñer fin ao comercio ilícito de produtos de tabaco.

22% de fumadores/as en Ourense

A enquisa de saúde realizada polo Concello de Ourense en 2013 para a elaboración do Plan Municipal de Saúde puxo de manifesto que o 22% de ourensáns e ourensás de 15 a 85 anos de idade fuman diariamente, cun 26,7% no caso dos homes e un 17,3% de mulleres. Dos/as que fuman a diario, a maior porcentaxe rexístrase no grupo de 15 a 24 anos (41,55%), sobre todo os homes (54,3%).

A Concellería de Saúde conta cunha Unidade de deshabituación tabáquica que ofrece apoio especializado ás persoas que desexen deixar de fumar. Prestou atención a un total de 45 veciños e veciñas da cidade ao longo do ano 2014.

12 de maio de 2015 | 13:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.