Rocío Mosquera destaca p perfil profesional do novo xerente da área de Vigo como idóneo para pilotar os retos da sanidade na cidade olívica
“Temos que trasladar e poñer en marcha o novo hospital de Vigo e pensamos que Félix Rubial é o profesional idóneo para pilotar esa viaxe e para afrontar os novos retos da sanidade viguesa”. Así o sinalou a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, no Pleno do Parlamento de Galicia, onde compareceu para informar do relevo na Xerencia da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada da cidade olívica.
A titular da carteira sanitaria remarcou que “poucas persoas coñecen tanto e tan profundamente como Félix Rubial o noso sistema sanitario. Ademais, participou, cun papel relevante, nos dous últimos grandes traslados hospitalarios que vivimos no Sergas, o do Hospital Clínico de Santiago e o do Hospital Universitario Lucus Augusti, en ambos os dous casos con notable éxito”.
Tamén tivo palabras de eloxio e recoñecemento para o labor realizado polo anterior xerente, Mario González, destacando algunhas das iniciativas postas en marcha durante a súa xerencia, como a integración e unificación dos servizos de Uroloxía, Otorrinolaringoloxía, Neumoloxía, Neurofisioloxía e Endocrinoloxía; o inicio da Cirurxía Maior Ambulatoria Pediátrica; a interconsulta electrónica; a posta en marcha de vías rápidas como a de cancro de pulmón; a creación da área compartida de Cirurxía Pediátrica; a implantación da triaxe Manchester; a teleconsulta; as escolas de pacientes; a radioterapia pulmonar a corazón parado; e, por suposto, a obra do novo hospital.
Para concluír a súa intervención, Rocío Mosquera dixo que neste 2015 “a área sanitaria de Vigo disporá dun hospital público dos máis modernos de Europa, situado na vangarda tecnolóxica, no que prestarán asistencia os profesionais sanitarios do Sergas e que ofrecerá as mellores condicións asistenciais para pacientes e profesionais, e liderado por un gran xerente”.











