publicidade hoxe

Ribadumia celebra o Día do Mercado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadumia
A-
A+

O Concello de Ribadumia, no seu propósito de promover o comercio local, e dentro da proposta da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, participará o vindeiro sábado 30 de maio no evento de carácter internacional de promoción dos mercados locais e prazas de abastos: “Quere o teu mercado”.

A iniciativa parte dunha asociación internacional sen ánimo de lucro WUWM (World Union of Wholesale Markets) e está a reunir a diferentes lugares do mundo como Reino Unido, Francia, Alemania, Suecia, Finlandia, Grecia, Hungría, Irlanda ou China, entre outros.

O proxecto trata de unir a nivel internacional aos mercados locais de diferentes formas e tamaños cun fin común: aumentar a súa visibilidade, a presenza de consumidores e o consumo no comercio de proximidade, ao tempo que se fortalecen os lazos de unión e a fidelización cos usuarios. 

Para iso, os praceiros da Praza de Abastos de Barrantes repartirán este sábado regalos de promoción “quere o teu mercado” coas compras do día. Globos para os pequenos, bolsas de algodón para a compra, bandeirolas, doces e máis para un día no que os veciños teñen que querer máis que nunca ó seu mercado local.

A Praza de Abastos de Barrantes foi remodelada integralmente no ano 2007 e actualmente conta con cinco postos: de peixe, froita e verduras, flores, conxelados e un zapateiro. Polo que, a pesar de non ser moi grande, conta con variedade de oferta e abastece ós veciños en produtos frescos e de calidade. 

Por todo iso, dende o Concello queremos convidar ós veciños de Ribadumia a celebrar o Día do Mercado na Praza de Abastos, e ademais de levar un agasallo, axudar a incentivar ó noso comercio local. 

28 de maio de 2015 | 13:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.