Ribadumia celebra este fin de semana o 5º Gran Premio de Slalom

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesRibadumia
A-
A+

O Concello de Ribadumia acolle este sábado 23 de maio o 5º Gran Premio Concello de Ribadumia de Slalom. Esta será a 2ª proba da Liga Galega de Promoción Slalom 2015 e terá lugar este sábado no Ponte Cabanelas –Río Umia- a partir das 11:00 horas, cando dará saída a primeira manga.

Nesta competición, que conta con dúas mangas, disputaranse as categorías de Alevín e Benxamín en k1 e c1 e competirán ao redor de 100 rapaces nas dúas categorías e de diferentes clubs.  Os clubs que se inscribiron nesta edición son: o Club de Montaña Quixos, o Club Deportivo Miño-os Teixugos, o Club deportivo Municipal de Piragüismo Dumbria, o Club Tea de Mondariz Balneario, o Club S.A.B. Sen Siras, o Club de Piragüismo Penedo e como anfitrión o Club Náutico O Muíño de Ribadumia.

O club local preséntase con tres participantes na categoría benxamín K-1 masculino, con 12 rapaces na categoría alevín K-1 masculino, con catro en K-1 benxamín feminino e con seis rapazas de k-1 alevín feminino.

O piragüismo en slalom, unha disciplina olímpica cada vez máis demandada, ten como obxectivo recorrer no menor tempo posible sobre un kayak ou canoa un tramo distribuído por portas de paso obrigado sen penalizacións. O deporte é individual e aumenta a súa dificultade con cada porta de paso.

A competición rematará ao redor das 14:00 horas, cando procederase á entrega de premios aos gañadores. A alcaldesa de Ribadumia, Salomé Peña, asistirá á entrega e oficiará o acto xunto ós organizadores e demais equipo.

O Concello de Ribadumia, no seu compromiso co deporte local,  colabora nesta competición organizada polo Club de Ribadumia O Muíño e invita a todos os veciños de Ribadumia a que se acheguen ata a Ponte Cabanelas  a partir das 11:00 horas para apreciar a dificultade engadida desta modalidade de piragüismo. 

21 de maio de 2015 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.