Ribadumia abre o prazo de matrícula para participar na Escola de Ocio e Tempo Libre de verán
O Concello de Ribadumia, a través da Concellería de Servizos Sociais, abre o prazo para matricularse na Escola de Ocio e Tempo Libre de verán. As inscricións pódense facer dende o 1 ó 15 de xuño nas oficinas municipais.
A documentación que deben entregar no momento de anotarse é a copia do DNI do pai /nai, DNI do fillo/filla ou libro de familia, o certificado de convivencia da familia, copia dos contratos laborais ou xustificante de traballo e número da conta bancaria. O prazo de inscrición remata o luns 15 de xuño ou unha vez completadas as prazas dispoñibles.
Para poder participar neste programa, os nenos deben ter tres anos como mínimo e estar empadroados no Concello de Ribadumia, ó igual que a nai e o pai, e que os dous estean traballando.
A Escola de Ocio e Tempo Libre de Ribadumia funciona durante todo o ano. Nos meses de vacacións, a escola desenvólvese en horario de mañá, de 8:00 a 14:00 horas, nas instalacións da Casa da Cultura de Ribadumia.
As actividades comezarán a desenvolverse neste horario a partir do luns 29 de xuño, unha semana despois de rematar as clases. Os rapaces poderán disfrutar de xornadas lúdicas, talleres e xogos organizados polos monitores.
Este programa municipal, pioneiro na comarca do Salnés, ten grande éxito de participación durante os meses de verán porque os pais atopan máis problemas para conciliar os seus horarios coas vacacións dos seus fillos.











