Rey Varela renova o convenio de colaboración co Club de Atletismo Ría de Ferrol
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, asinou hoxe o convenio de colaboración co presidente do Club Atletismo Ría de Ferrol, Marcelino Crespo Rabanal, co obxectivo de contribuír dende a Administración municipal a sufragar os custes que ten para esta entidade a participación en competicións oficiais organizadas polas federacións galega e española desta modalidade deportiva. A titular da Concellería de Deportes, Susana Martínez Galdós, tamén estivo presente neste acto de firma que se celebrou no Salón de Recepcións da Casa Consistorial.
Rey Varela agradeceu ao Club de Atletismo Ría de Ferrol “a vosa contribución ao deporte base”. O primeiro edil da cidade tamén quixo felicitar ao club polos bos resultados acadados na primeira xornada do Campionato de España de Clubs, celebrada a pasada fin de semana en Valladolid. “Unha segunda posición na División de Honor do atletismo feminino español que amosa a calidade das nosas deportistas”, destacou o alcalde ferrolán. A achega municipal ascende a un total de 72.675 euros.
Pola súa banda, Crespo Rabanal agradeceu que ao Goberno Municipal “siga crendo e apostando polo atletismo”, ao tempo que sinalou que “tentaremos respostar a este apoio conseguindo éxitos nas pistas e levando o nome de Ferrol por toda España”.











