Rey Varela renova o convenio coa Fundación Santo Hospital de Caridade para a atención a persoas sen teito

Sinatura do convenio
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, renovou esta mañá o convenio de colaboración coa Fundación Santo Hospital de Caridade para contribuír ao mantemento do refuxio-albergue “Pardo de Atín”, ubicado no Hospital Xeral Juan Cardona, e destinado á atención das persoas sen teito. O primeiro edil da cidade estivo acompañado polo presidente do Padroado-Irmán Maior da Fundación Santo Hospital de Caridade, Alberto Manuel Lens Tuero; e pola concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro.
Rey Varela destacou que este acordo ten como obxectivo garantir a cobertura das necesidades básicas relativas ao aseo persoal, manutención e pernocta daquelas persoas que chegan a Ferrol. Neste senso, o rexedor municipal sinalou que o refuxio-albergue ”Pardo de Atín” conta con espazo para 42 persoas e realiza este servizo todos os días do ano, proporcionando cama, comida, aseo e roupa a quen o necesite.
O Concello de Ferrol achega 30.000 euros para contribuír ao mantemento das instalacións, gastos administrativos, gastos de persoal e todos aqueles que sexan imprescindibles para a atención persoal e directa das persoas acollidas no refuxio. Esta contía económica se vén mantendo dende este mandato en que a mesma se incrementou un 20%.











