Rey Varela preside a recepción ao Club Basketmi con motivo do ascenso a división de honra

Recepción ao Club Basketmi
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, recibiu esta mañá ao equipo directivo, técnicos e xogadores do Club Basketmi Ferrol polo recente ascenso do club deportivo a División de Honra A. No acto oficial que tivo lugar no Salón de Recepcións da Casa Consistorial tamén estiveron presentes representantes dos diferentes grupos municipais.
Na súa intervención, o primeiro edil da cidade felicitou ao Club Basketmi polo seu ascenso á máxima categoría no baloncesto en cadeira de rodas. “Un triunfo que coincide coa celebración do voso 25 aniversario”, engadiu o alcalde. Jose Manuel Rey Varela tamén destacou o esforzo e tesón dos compoñentes do Basketmi “en prol da integración e superación”, dos que tamén dixo que “o voso esforzo, ilusión e gañas de superación é un exemplo a seguir”. Así mesmo, o rexedor ferrolán reiterou o compromiso da Corporación Municipal co deporte base e a practica do deporte inclusivo.
Durante este acto oficial, Rey Varela entregou ao club, como recordo do mesmo, unha cerámica de Sargadelos coa reproducion do castelo de San Felipe. O Basketmi asistiu á recepción acompañado do trofeo que veñen de conseguir e que atesoura o seu ascenso á División de Honra.











