Rey Varela asina un convenio de colaboración coa patroa maior da Confraría de Pescadores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, asinou esta mañá un convenio de colaboración coa patroa maior da Confraría de Pescadores e Mariscadores de Ferrol, Isabel Maroño Vázquez, para contribuír coas actividades deste entidade durante a anualidade de 2015. Deste xeito, a Administración local achega un total de 20.000 euros para colaborar coa entidade en diferentes gastos de funcionamento; así como para prestar asesoramento e información en materia laboral e en canto ás diferentes liñas de axudas públicas ás que se pode acoller a Confraría.

Rey Varela destacou os meses de traballo que culminan coa sinatura do que “é o primeiro acordo de cooperación cun sector económico estratéxico para a nosa cidade”. Neste senso, lembrou as obras de rexeneración da ría ferrolá que suporán unha ventaxa para a actividade da dos marsicadores; así como a actuación de rehabilitación que a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao está a realizar na lonxa. Ao respecto desta última actuación, o rexedor explicou que mentres se desenvolven estes traballos de mellora da lonxa, o Concello de Ferrol puxo a disposición da Confraría de Pescadores e Mariscadores unha nave provisonal. Así mesmo, o alcalde sinalou que a Concellería de Emprego, que dirixe Martina Aneiros Barros, realizará tamén un asesoramento persoal a esta entidade e avanzou o interese de o pósito se incorpore na rede de axudas europeas as actividades marítimas.

Pola súa banda, a patroa maior da Confraría de Pescadores e Mariscadores de Ferrol, Isabel Maroño Vázquez, agradeceu a rúbrica deste convenio co Concello de Ferrol que considerou “fundamental para a nosa entidade”.

7 de maio de 2015 | 20:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.