Reunión da mesa sectorial de coordinación policial sobre violencia de xénero na Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

A Mesa sectorial de coordinación policial sobre violencia de xénero reuniuse hoxe no salón de plenos do Concello da Laracha nunha xuntanza presidida polo alcalde, José Manuel López Varela, na que tamén participaron a directora do Centro de Información ás Mulleres da Laracha (CIM), Ana Aldao, o axente da Policía Local, Víctor Vilanova, o sarxento do Posto da Garda Civil da Laracha, Emilio Arboiro, e o axente Juan Carlos Rabuñal.

Nesta reunión de traballo repasáronse os protocolos a desenvolver por parte dos diferentes profesionais do Concello e das forzas e corpos de seguridade ante posibles casos de violencia de xénero, xa sexa por denuncia previa ou por detección de situacións desas características.

Púxose de manifesto que dita coordinación é plenamente efectiva e que se están realizando con éxito as vixilancias policiais ás mulleres vítimas da violencia de xénero, así como o seguimento dos casos de violencia doméstica no ámbito familiar, tanto dos casos que teñen orde de protección como daqueles que non a teñen.

A continuación falouse do servizo telefónico de atención e protección para mulleres vítimas da violencia de xénero, o chamado programa ATEMPRO.

A Mesa de Coordinación de Violencia de Xénero do Concello da Laracha foi constituída co propósito de optimizar o traballo que se desenvolve sobre esta temática entre os distintos poderes públicos, facilitando a colaboración entre todos os representantes da mesma (Subdelegación do Goberno, Concello, centros educativos, Policía Local, Garda Civil e centro médico da Laracha).

Esta Mesa de Coordinación de Violencia de Xénero está subdividida en dúas mesas sectoriais: a de cooperación policial, que se reuniu hoxe, e a formada polos profesionais dos centros educativos e do centro médico da Laracha, cuxa última xuntanza foi a semana pasada

18 de maio de 2015 | 18:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.