Refórmase a cuberta na nave de deportes náuticos de Bueu
A Xunta de Goberno acordou este venres incluír na partidas económicas do Plan Provincial de Obras e Servizos 2015 a obra de substitución da cuberta do edificio deportivo de Pescadoira, unha actuación cuxo orzamento ascende a 73.583 euros e que terá un prazo de execución de 1 mes.
Segundo se establece no proxecto aprobado pola Deputación de Pontevedra, cambiaranse as pranchas de fibrocemento que cobren a nave por placas translúcidas de poliéster reforzado con fibra de vidro.
Aínda que o acondicionamento xeral da nave é bo, o mal estado de conservación da cuberta permite a entrada de auga cando chove. De aí que se considere necesario acometer esta reforma para acabar con estes problemas de filtracións que poden afectar o interior do edificio.
A nave de deportes náuticos, situada na antiga cetaria de Pescadoira, é un edificio de planta baixa distribuído nunha zona de vestiarios e almacén, un ximnasio e un depósito para as embarcacións.











