Queremos Galego denuncia un “boicot” aos actos polo Día das Letras Galegas por parte do Concello de Santiago
O voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira, denunciou este xoves un “boicot” por parte do Concello de Santiago aos actos desta plataforma cidadá para celebrar o Día das Letras Galegas o próximo domingo.
“Dende a chegada do PP á alcaldía, o habitual é a denegación da conexión eléctrica e a posterior autorización polos xulgados”, relatou o tamén presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, para destacar como “novidade” deste ano “a calada por resposta”.
Así é que Queremos Galego non obtivo confirmación á súa solicitude de electricidade e megafonía e tampouco sabe se se lle permitirá utilizar un xerador propio. “Malia o boicot, mantéñense os actos”, incidiu Maceira.
“Dá vergoña allea que ao alcalde da capital de Galicia lle doia tanto que a xente se exprese a favor do seu idioma”, lamentou, pero deixou claro que “non” acalará a manifestación. “Falaremos o 17 e farémolo, como sempre, en galego”, sentenciou.
En concreto, a manifestación terá lugar o próximo domingo ás 12,00 horas na Praza das Praterías. “Con ou sen megafonía, a voz a favor do galego escoitarase en Praterías. Non nos van facer calar”, finalizou.











