Queda libre o mozo detido en Vigo por suposta agresión sexual
O mozo de 28 anos de idade detido en Vigo o domingo como presunto autor dunha agresión sexual a unha moza quedou libre e imputado por un delito de lesións tras comparecer ante o xulgado. O detido foi trasladado na mañá deste luns desde a comisaría de Vigo aos xulgados onde compareceu ante a sala de violencia sobre a muller, que decretou a súa posta en liberdade e imputoulle un delito de lesións.
Así mesmo, o xulgado decretou que o mozo deberá comparecer periodicamente en sede xudicial e impúxolle unha orde de afastamento da vítima. O mozo foi detido o domingo despois de que un veciño alertase á Policía por ouvir berros dunha moza pedindo auxilio. A muller lograra fuxir dun domicilio da rúa López de Neira onde supostamente fora agredida. A Policía Local detivo ao presunto autor da agresión, mentres que a muller, con lesións na cara e nas pernas, foi trasladada ao Hospital Xeral de Vigo.











