Protección Civil de Mos incrementa o seu parque móbil cun novo vehículo todo terreo

Entrega do novo vehículo
O Concello de Mos recibiu onte a noticia por parte da Xefatura Territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza de que a administración autonómica concedeulle á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil mosense a adxudicación de equipamento de emerxencias consistente nun vehículo todo terreo tipo Pick Up. Dito equipamento está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2007-2013.
Ademais, o Servizo Municipal de Emerxencias de Mos verá tamén ampliado o seu parque móbil cun novo camión motobomba forestal antiincendios comprometido pola Consellería do Medio Rural e do Mar.
O pasado mes de febreiro a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mos inauguraba a súa base de operacións, que comparte co Servizo Municipal de Emerxencias, sita nas instalacións do antigo matadoiro na Veigadaña. Dende a recuperación do grupo de Protección Civil mosense cuxa existencia interrompérase durante algúns anos, cada vez son máis as persoas integrantes desta agrupación e os medios que teñen á súa disposición, contando xa cun centro de operacións óptimo e correctamente adaptado, e un nutrido parque móbil que se ven a incrementar cos novos vehículos recentemente adxudicados.
O Servizo Municipal de Emerxencias e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mos naceron para dar unha resposta adecuada ás urxencias que se produzan no termo municipal de Mos e concellos limítrofes, atendéndoas coa axilidade que este tipo de actuacións requiren. Os Voluntarios de Protección Civil colaboran nestas accións, colaboración para a cal reciben formación específica. Este gran equipo desenvolve funcións de intervención en accidentes de tráfico e laborais, extinción de incendios de todo tipo, control de verquidos, rexeración de espazos verdes, plans de autoprotección, simulacros e cursos de prevención, xestión de catástrofes naturais coma inundacións ou temporais, rescates de persoas e animais, servizos programados en actos con grandes aglomeracións de persoas como poden ser probas deportivas ou eventos culturais; e búsqueda de persoas desaparecidas.
Balance 2014
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mos, formada por vinteséis voluntarios, en colaboración co Servicio de Emerxencias Municipal e a Concellaría de Medio Ambiente do Concello de Mos, realizou durante o ano 2014 un total de 3.481 horas de servizos no Concello.
Estas horas sumadas ás 5.808 horas realizadas polo Servizo Municipal de Emerxencias son un total de 9.289 horas adicadas ós servizos de prevención e intervención en materia de emerxencias no pasado ano.
Ademais, os voluntarios asistiron a vinte cursos formativos en distintas materias; rescate en montaña, incendios urbáns e forestais, rescate en zonas illadas, excarceración, actuación en catástrofes, etc. Tamén os integrantes do Servizo Municipal asistiron a diferentes cursos nas mesmas materias.
Entre as distintas intervencións realizadas, destacan a asistencia a accidentes de tráfico, especialmente na Autovía A-55, incendios urbáns, ou servizos preventivos nos eventos realizados polo Concello de Mos.
Durante o ano 2014, o servizo foi dotado de novos equipos de protección individual para as intervencións, novos uniformes e un vehículo. Material que se verá incrementado durante este ano de 2015, con máis material de uniformidade, e novos equipos de comunicacións.
O presidente do colectivo, Santiago Iglesias, destaca a importancia que ten a formación neste tipo de servizos, polo que se está desenvolvendo un programa formativo para os vindeiros meses, coa colaboración de profesionais nas distintas tarefas das emerxencias e a través dos cursos impartidos dende a Academia Galega de Seguridade Pública.











