Profesionais dos psicotécnicos galegos revisan as avaliacións neuropsicolóxicas dos condutores de avanzada idade
Os psicólogos e psicólogas que exercen en psicotécnicos na Comunidade galega participarán este sábado 23 de maio nunha actividade formativa máis das que nos últimos anos destinan a afondar na avaliación neuropsicolóxica de persoas maiores no contexto do tráfico e as probas de cribado que lle se realizan a estas persoas usuarias. Este curso está organizado polo Grupo de Tráfico e Seguridade do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, e ten a súa orixe na gran preocupación dos e das profesionais polo rigor nas avaliacións que realizan, especialmente no caso de persoas de idade avanzada.
Tendo en conta a característica do envellecemento da poboación galega, onde o 23% supera os 65 anos, cinco puntos por riba da proporción estatal, resulta particularmente preocupante entre aqueles colexiados e colexiadas que exercen nos psicotécnicos galegos. A busca do equilibrio desta circunstancia con outros factores tan relevantes como a dispersión da poboación e a súa necesidade de mobilidade, debesen ser parámetros a ter en conta no exercicio adaptado destas avaliacións. De aí a importancia de manter unha comunicación fluída coa Dirección General de Tráfico, a fin de xuntar criterios que permitan a toma de decisións máis adaptadas ao contexto galego para tratar de reducir a sinistralidade nas nosas estradas.
O docente do curso que se celebrará na sede do COPG será Francisco Javier Sardiña Agra, psicólogo clínico do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) e presidente da Sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio. Perséguese con isto afondar na máxima preparación profesional, actualizar e dotar as e os psicólogos das ferramentas neuropsicolóxicas máis útiles para desenvolver un excelente desempeño na avaliación das capacidades cognoscitivas e mentais precisas para as tarefas conducir ou manexar vehículos, embarcacións, guindastres, armas, etc.
Instrumentos psicolóxicos como os diversos tests de screening e de cribaxe que permiten detectar o deterioro neuropsicolóxico, son ferramentas indispensables para a realización da valoración. A elas únense os criterios clínicos e a entrevista clínica, de cara á resolución final de apto ou non, no seu caso, para o desempeño de determinadas accións psicomotoras que requiren dun óptimo funcionamento da atención, da memoria, así como de velocidade de procesamento cerebral.











