Pontevedra convértese no foro de referencia para emprendedores no III Congreso Internacional de Viveiros de Empresas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Organizado pola Deputación e a Fundación Incyde, o III Congreso  Internacional de Viveiros de Empresas desenvolverá, entre hoxe e mañá, diversas accións orientadas a xestores e viveiristas sobre organización, xestión, financiamento e políticas de emprendemento.  

O profesor e asesor Emilió Duró foi o encargado de abrir o programa de relatorios cun discurso alentador para os centos de  emprendedores que se deron cita na sede de Afundación de Pontevedra, unha mensaxe de optimismo que tamén transmitiron as autoridades que presidiron a apertura oficial deste congreso.

O presidente da Cámara de Pontevedra, Eduardo Barros, agradeceu  que unha cita desta relevancia internacional tivese o seu foro de referencia en Pontevedra, unha provincia que, en palabras do director xeral de Incyde, Javier Collado, é “unha das que maior número de viveiros presenta en toda España e que, en pouco tempo, contará coa primeira incubadora aeroespacial do sur de Europa”.

Javier Collado salientou que este congreso, máis alá dunha mesa de relatorios, “é unha reunión de traballo para xuntar emprendedores, xestores e líderes internacionais que apostan polo coñecemento, para formarse, informarse e intercambiar experiencias para coñecer e aproveitar novas oportunidades de negocio”. Destacou que “España é un país de emprendedores” e que, na actualidade, o 95 % das iniciativas que xorden nestes viveiros se consolidan no mercado empresarial.

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, agradeceu que Pontevedra fose a cidade elixida para desenvolver este foro de referencia para os emprendedores, que cualificou de “oportunidade para unha cidade que apenas dispón de actividade e solo empresarial”. 

Nos últimos anos a institución provincial mantén un alto compromiso coa promoción do emprego, o desenvolvemento económico e o apoio tanto á creación coma á consolidación das empresas, co obxectivo de dinamizar a actividade económica da provincia e sentar as bases para un crecemento sostible.

Rafael Louzán destacou que a “Deputación puxo en marcha dúas  infraestruturas onde os emprendedores poden iniciar o seu camiño”. Os viveiros de empresas nos polígonos de Barro-Meis e Lalín son, segundo o presidente provincial, “unha oportunidade que en Pontevedra non existía para concentrar e impulsar o emprendemento, dúas infraestruturas para que, antes de final de ano, se poidan instalar alí os novos emprendedores que Pontevedra necesita para crear máis e mellores empregos”. 

Seguindo a tese defendida por Emilio Duró, o presidente da Deputación animou os emprendedores a “ser optimistas e a emprender aquí, nesta cidade e nesta provincia”.

Tras a apertura oficial do congreso foi o director xeral de Fondos Comunitarios para España, José María Piñero Campos, o que tomou a palabra para explicar as propostas europeas deseñadas para os emprendedores no período 2014-2020.

O profesor de Oxford e Harvard, Kriengsak Chareonwongsak, pechou a primeira sesión de relatorios coa exposición “O futuro da economía global e o seu impacto en emprendedores e incubadoras”.

Tecnoloxía e innovación

Esta primeira xornada do congreso completou o calendario da mañá con tres relatorios centrados na experiencia de recoñecidas empresas internacionais coma Orange Group, Google for Entrepreneurs e Utopic US.

Xa pola tarde o financiamento será o tema que centre o interese do foro, con varios obradoiros e relatorios a cargo dos representantes de Crecer+, InnoBAN e Foro Capital Pymes. A xornada rematará cunha mesa redonda sobre o financiamento do emprendedor, con responsables de varias entidades bancarias e a Cámara de Comercio de España.

Grandes ideas para grandes xestores

Este congreso pechará mañá xoves cunha xornada centrada na comercialización e as claves para garantir o éxito empresarial das empresas.

13 de maio de 2015 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.