Pontevedra acolle unha xornada para ofrecer asesoramento gratuíto a cooperativas sobre proxectos de I+D+i e TIC

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Consellería de Traballo e Benestar organiza mañá, 27 de maio, no Pazo da Deputación de Pontevedra o programa ‘iCOOPERA impulso I+D+i e TIC’, que ofrece de forma gratuíta ás cooperativas galegas asesoramento e formación en novas tecnoloxías (TIC), así como en procesos de Investigación, desenvolvemento e innovación.

Durante toda a mañá, expertos en innovación e TIC explicarán as vantaxes de emprender proxectos de I+D+i e familiarizarse co emprego das novas tecnoloxías da información e da comunicación para a mellora produtiva, administrativa e competitiva das cooperativas.

Esta é a segunda xornada que se celebra para impulsar a implementación de solucións tecnolóxicas nas cooperativas. Trátase dunha iniciativa que resulta especialmente atractiva para entidades que desexen iniciar a súa presenza na Internet para gañar en visibilidade, por exemplo, mediante a creación dunha páxina web, nas redes sociais ou a través do correo electrónico corporativo.

As entidades interesadas poderán afondar igualmente no reforzo das súas estruturas comerciais mediante a implantación de sistemas de venda online, ademais do establecemento de redes de información e o intercambio de ideas e proxectos. Trataranse ademais, as facetas que forman parte da I+D+i, como poden ser a xeración de ideas, produtos, procesos produtivos e apoios públicos.

A subdirectora xeral de Cooperativas e Economía Social, Alba Paz, abrirá a xornada animando ás cooperativas a acollerse aos servizos gratuítos que ofrece a iniciativa ‘iCOOPERA’ para mellorar a súa competitividade. A continuación intervirán os relatores, Ruth Rodríguez e María Rey, técnicas de innovación de AGACA, e o experto en TIC, docente en novas tecnoloxías, deseñador de páxinas web e programador de aplicacións, Jorge Lafuente.

Este novo servizo, que comezou a súa andadura en marzo deste ano, está cofinanciado polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia. A inscrición á xornada pode efectuarse a través do teléfono 981 584 783.

26 de maio de 2015 | 13:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.