Ponte Caldelas instala dous novos parques biosaludables en Pazos e Buchabad

Aparatos dun dos parques biosaudables
O Concello de Ponte Caldelas instalou 2 novos parques biosaludables nos núcleos de Pazos e Buchabad dentro do plan impulsado polo alcalde, Perfecto Rodríguez, de dotar deste tipo de instalacións á práctica totalidade dos núcleos de poboación para favorecer a práctica do deporte das persoas maiores.
Así mesmo tamén se cambiou a localización do que o pasado ano se instalou en Anceu, que foi instalado no campo da festa deste lugar, por petición veciñal ao alcalde.
Os lugares escollidos polo Concello de Ponte Caldelas para instalar estes aparellos están especialmente relacionados con espazos onde xa existe un parque infantil ou onde teñen lugar as celebracións festivas parroquiais co fin de que queden integrados naquelas zonas de uso habitual dos veciños. En Pazos e Buchabad realizaranse uns peches perimetrais en madeira rústica para protexer o espazo en que se situaron os aparellos.
Os elementos que se instalaron están especialmente deseñados para favorecer a práctica de deporte entre as persoas maiores adaptando cada movemento ás necesidades psicomotrices dos usuarios, tendo en conta tamén aqueles exercicios de recuperación e rehabilitación tan necesarios a certas idades ou para tratar diversas doenzas.
O alcalde considera que este tipo de aparellos contribúen a mellorar a calidade de vida das persoas á vez que reforzan o obxectivo de que nestas áreas recreativas no rural exista interrelación entre as distintas xeracións que viven na zona: avós, pais e nenos por iso é polo que adoitan instalarse xunto aos parques infantís.
O Concello de Ponte Caldelas iniciou nesta lexislatura a instalación de parques biosaludables nas parroquias e lugares do municipio co fin de facilitar o acceso a este tipo de aparellos polo maior número posible de persoas. O obxectivo é que aos poucos todas as parroquias do municipio conten cunha instalación deste tipo. Nos últimos anos, ademais do parque biosaludable instalado no centro urbano (Chan da Barcia), e na Praia Fluvial, tamén se crearon parques deste tipo en Forzáns (A Feira), Xustáns, Caritel (Carballeira da Chan), Vilarchán, Silvoso de Arriba, Tourón, Insua, Regodobargo, Mirón, Silvoso de Abaixo e Laxoso.
Estes parques biosaludables son cada vez máis demandados pola poboación tendo en conta que axudan ao mantemento físico das persoas maiores á vez que completan a oferta lúdico-recreativa e de entretemento existente nos diferentes lugares do municipio dentro da política de descentralización de servizos e oportunidades de lecer que está a realizar o Concello de Ponte Caldelas e que levou a este municipio, entre outras cuestións, a contar con parques infantís en practicamente todos os núcleos de poboación.











